Catro grandes espectáculos volven traer a danza por primavera a Carballo

15ª edición da Primavera enDanza carballesa. E chega cun programa para todos os públicos na que é especial protagonista a montaxe Oskara, da compañía vasca Kukai. O Concello de Carballo e a Concellería de Cultura, con quen colaboran a Rede Galega de Teatros e Auditorios, a Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) e a Xunta de Galicia, apostan un ano máis por unha disciplina artística que, malia súa gran capacidade de creación e innovación e repercusión nas artes escénicas contemporáneas, conta con escasa presencia nos escenarios galegos.

Catro serán os espectáculos que se poderán ver no Pazo da Cultura, nos que a danza dialogará co folclore e a vangarda, coa música, coas acrobacias, co mundo audiovisual e coa narrativa teatral. As novas linguaxes escénicas, as emocións e o universo feminino será os principais elementos das catro propostas que vos achegamos.

As entradas (entre 3 e 4 euros) despacharanse na billeteira do Pazo desde unha hora e media antes de cada función. A partir do 10 de abril poderán reservarse (cun límite de catro por persoa) no teléfono 981 704 300 ou na Concellaría de Cultura (no Pazo). Aplicaranse os descontos habituais: a maiores de 60 anos, a menores de 12 e a mozos con carné de estudante.

Os espectáculos

O espectáculo que abrirá o ciclo, o venres 21 de abril, ás 21.00 horas, para público adulto, é “Ensaio de amor”, da compañía galega de Nuria Sotelo: unha peza que, a través da música, a plasticidade dos corpos, a danza e as palabras aborda o universo feminino e a complicidade dunha nai e a súa filla. O domingo 23 de abril, ás 18.00, ‘Primavera en danza’ achégase a toda a familia (maiores de 8 anos). Las tricotouses, dos tamén galegos Emoticores, ten un importante carácter pedagóxico e unha estética accesible, moi visual e atractiva para os cativos. O venres 28, ás 21.00, será a quenda para a última compañía galega no programa, a de Ánxela Blanco, que bailará Ulises e a nena durmida, un espectáculo inspirado no poema épico A odisea, reinterpretando, por medio dunha unión única de corpos, voces e potentes imaxes que engancha ao espectador, o regreso a casa de Ulises tras a Guerra de Troia. A estrela do ciclo é, sen dúbida, Oskara, da compañía vasca Kukai Dantza Banaketa. Temos a sorte de poder ver no Pazo, o domingo 7 de maio, ás 21.00, unha montaxe de danza contemporánea única que opta a oito Premios Max das Artes Escénicas e varias veces galardoada en diferentes festivais, creada por dous grandes bailaríns e coreógrafos da escena actual, Jon Maya (Kukai) e Marcos Morau (La Veronal). Oskara, homenaxe á cultura vasca ancestral, móvese entre a raíz máis popular e expresión máis vangardista e debuxa un percorrido plástico e emocional de símbolos e iconografía desconcertante. Ao remate de cada función celebrarase un encontro dos espectadores con coreógrafos e directores das montaxes para falar do espectáculo e do proceso de creación e para achegar a linguaxe da danza contemporánea ao público.

Actividades complementarias

Os días 18, 19 e 20 de abril a compañía Las Tricotouses impartirán, en horario lectivo, obradoiros de danza nos colexios de Carballo. Ademais, a compañía de Nuria Sotelo presentará o seu espectáculo no IES Alfredo Brañas, ás 13.00. Tamén inauguraremos, no andar -1 do Pazo, a exposición ‘Panóptic@s Téxteis Tradicionais’, do 4 ao 21 de maio, uha iniciativa da AC Argazo e Panos de Aquí. E do 24 ao 29 de maio, dentro da XIII Semana do Libro, poñeremos en marcha unha campaña de animación á lectura.

Fonte

  • Concello de Carballo.