Escolares de Carballo corren pola lingua

Setenta rapaces e rapazas de 4.º de ESO do IES Isidro Parga Pondal participan hoxe na carreira lúdica Correlingua na Coruña. O Correlingua é unha actividade escolar, lúdica e reivindicativa que dura un curso e na que participan miles de alumnos e alumnas que son os verdadeiros protagonistas da actividade reflexionando sobre a situación do idioma e levando as súas reflexións á banda deseñada, o vídeo ou o manifesto que será lido nas doce localidades en que se celebrarán as festas finais. Este ano ten como lema “En galego, sen cancelas”. O Correlingua iníciase no primeiro trimestre coa convocatoria dos concursos por medio dos cales o alumnado reflexiona sobre a situación do idioma e crea os seus propios argumentos (manifesto, vídeo, banda deseñada) para defender o seu dereito a vivir e medrar en galego. Finalmente, no terceiro trimestre e no mes de maio, celébranse as carreiras pola lingua que percorren todo o país, sacando á rúa esta mensaxe en prol do idioma. Correlingua é unha das maiores actividades normalizadoras, en canto a duración, extensión e persoas involucradas que se realiza n país. De feito, o pasado ano 2016 recibiu o premio Rosalía Castro a iniciativas normalizadoras da Deputación da Coruña. A importancia de contar con actividades coma o Correlingua que teñan por obxectivo a normalización plena da lingua segue a ser unha necesidade a día de hoxe, como sinalan as tres entidades organizadoras CIG-Ensino, A Mesa pola Normalización Lingüística e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega. As carreiras lúdicas de final de festa do Correlingua comezaron o día 2 de maio en Monforte, e pasaron ou pasarán por Ourense, Lugo, A Coruña (este venres 5 de maio), Santiago de Compostela, Moaña, Viveiro, Pontevedra, Vigo, Ferrol, Tui e A Estrada. Novas relacionadas Fonte
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
  • Concello de Carballo