Manuel María será o protagonista das Letras 2016
05 de xullo de 2015 (20:03 h.)
Manuel María suscita o consenso político do que careceu Filgueira
A escolla da Real Academia Galega de Xosé Filgueira Valverde para o Día das Letras Galegas deste ano suscitou polémica. Amplos sectores da esquerda e do nacionalismo cargaron, malia súa indudábel relevancia intelectual, contra o ex-alcalde de Pontevedra durante a ditadura pola súa colaboración co fascismo. Polo contrario, a selección do militante nacionalista Manuel María para o ano próximo, anunciada este sábado, só está a recibir aplausos, incluso dende sectores habitualmente enfrontados. Manuel María foi militante de base da UPG -o histórico partido comunista máis numeroso entre os que forman o BNG- e da Frente Cultural da AN-PG. Chegada a democracia, foi concelleiro en 1979 en Monforte. En 1985 abandonou a militancia política, pero mantivo a súa actividade reivindicativa. Unha das últimas campañas coas que colaborou foi a da Plataforma Nunca Máis, a raíz do desastre do Prestige. Malia isto, a Xunta de Galicia, que goberna o PP, gabou a súa selección e, ademais, compromete toda a súa axuda. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria congratúlase coa escolla e salienta tamén "o labor deste sobranceiro poeta lucense en prol da nosa lingua e cultura propias dentro do mundo editorial, concretamente a través da colección Xistral". Dende A Mesa pola Normalización, tamén se celebra a decisión. O colectivo destaca a súa labor como "incansábel activista a prol da nosa lingua e de tantas causas xustas". Asemade, A Mesa lembra que o poeta foi socio e activo colaborador desta organización. A candidatura que goberna na Coruña, a Marea Atlántica, expresa "a súa ledicia pola decisión de dedicarlle o Día das Letras 2016 a Manuel María, poeta da xente común". Dende o BNG, lóxicamente, tamén hai aplausos. "Día da Letras para o noso poeta nacional: Manuel María. Patriota desacomplexado. Home incansábel e insobornábel", escribiu Rubén Cela, voceiro en Santiago do Bloque. María Xosé Porteiro, ex-deputada polo PSdeG, cualfiícao como "un bó, xeneroso e querido poeta". Nado en Outeiro de Rei (Lugo) o 6 de outubro de 1929 e finado na Coruña o 8 de setembro de 2004, a voz poética de Manuel María xorde moi cedo. Con tan só dezanove anos pasa a formar parte do faladoiro lugués do café Méndez Núñez, que reúne a autores xa consolidados nesa época como Luis Pimentel, Aquilino Iglesia Alvariño ou Ramón Piñeiro. Por aqueles anos convértese en editor ao crear, co seu amigo e tamén poeta Ánxel Xohán, a colección Xistral a que, en 1969, pasará a ser unha editorial. Deste período tan produtivo é o seu primeiro poemario, Muiñeiro de brétemas (1950), co que se inicia a denominada Escola Tebra. Dono dunha prolífica obra poética –entre a que cómpre salientar as obras Morrendo a cada intre (1952), Mar Maior (1963), Versos para un país de minifundios (1969) ou A primavera de Venus (1993)–, co paso dos anos Manuel María estendeu a súa creación a outros xéneros como a narrativa, o teatro e mais o ensaio. A súa será sempre unha creación literaria fortemente vinculada ás conviccións políticas que defendeu.Fonte
- Nova do xornal colaborador Galicia Confidencial.