xoves. 01.05.2025
El tiempo

Manuel María será o protagonista das Letras 2016

Manuel María será o protagonista das Letras 2016
O poeta e escritor Manuel Maria - www.letranasobras.com O escritor lucense Manuel María será o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas en 2016 tras impoñerse á lucenses Xela Arias e ao ferrolán Ricardo Carvalho Caleronunha votación dos membros do plenario da Real Academia Galega (RAG). O tres escritores volveron competir, novamente, este ano, tras ser propostos tamén o pasado ano nunha votación na que resultou gañador Xosé Filgueira Valverde. Sen embargo, as preferencias dos membros do plenario decantarónse por Xela Arias e Manuel María. De feito, na primeira rolda de votacións deixou eliminada a Xela Arias e na segunda impúxose "cunha ampla maioría" a figura do lucense, cuxa candidatura chegaba avalada por Margarita Ledo, Darío Xohán Cabana, Fina Casalderrey, Víctor Fernández Freixanes, Xosé Luís Regueira e Manuel Rivas. O presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, comentou en rolda de prensa que nesta ocasión, como cada ano, foi necesario "escoller entre personalidades heteroxéneas, o que crea bastantes problemas", aínda que a Academia quedou "especialmente satisfeita, alegre e entusiasmada". "Manuel María é un dos poetas máis cantados da literatura galega, quizá non tanto como Rosalía de Castro, pero si ao nivel de Curros Enríquez ou Celso Emilio Ferreiro polo que espera que a súa elección teña eficacia na sociedade galega", suliñou. "Vai ser un triunfo para a Academia e vai ser un triunfo para a causa da normalización do galego", engadiu. Darío Xohán Cabana, que na actualidade ocupa a cadeira que deixou libre Manuel María cando faleceu en 2004, sostivo que durante o próximo ano aparecerá moita bibliografía sobre este autor, que é un auténtico "xigante" da literatura. Margarita Ledo incidiu en que o autor escollido "atravesou todas as escenas", pois foi "editor, libreiro e articulista en prensa" ao longo da súa vida e hoxe ten "representatividade e presenza social". Fina Casalderrey sostivo que "a literatura infantil e xuvenil débelle moito" e abundou no "poder normalizador da súa obra" porque "foi moi importante", pois moita xente "cantou os seus poemas ou representou as súas obras teatrais" ao longo dos anos. Xosé Luís Regueira pensa que en Manuel María "abunda dunha maneira bastante particular unha dobre faceta: é un clásico da literatura galega e é moi grande coas novas xeracións" e, ademais, continúa como "unha figura de relevancia" na actualidade. Nun comunicado, a Xunta de Galicia congratulouse pola decisión da Real Academia Galega (RAG) de dedicar o Día das Letras Galegas 2016 a Manuel María Fernández Teixeiro e destacou o seu labor en prol da lingua e a cultura galegas.

Manuel María suscita o consenso político do que careceu Filgueira

A escolla da Real Academia Galega de Xosé Filgueira Valverde para o Día das Letras Galegas deste ano suscitou polémica. Amplos sectores da esquerda e do nacionalismo cargaron, malia súa indudábel relevancia intelectual, contra o ex-alcalde de Pontevedra durante a ditadura pola súa colaboración co fascismo. Polo contrario, a selección do militante nacionalista Manuel María para o ano próximo, anunciada este sábado, só está a recibir aplausos, incluso dende sectores habitualmente enfrontados. Manuel María foi militante de base da UPG -o histórico partido comunista máis numeroso entre os que forman o BNG- e da Frente Cultural da AN-PG. Chegada a democracia, foi concelleiro en 1979 en Monforte. En 1985 abandonou a militancia política, pero mantivo a súa actividade reivindicativa. Unha das últimas campañas coas que colaborou foi a da Plataforma Nunca Máis, a raíz do desastre do Prestige. Malia isto, a Xunta de Galicia, que goberna o PP, gabou a súa selección e, ademais, compromete toda a súa axuda. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria congratúlase coa escolla e salienta tamén "o labor deste sobranceiro poeta lucense en prol da nosa lingua e cultura propias dentro do mundo editorial, concretamente a través da colección Xistral". Dende A Mesa pola Normalización, tamén se celebra a decisión. O colectivo destaca a súa labor como "incansábel activista a prol da nosa lingua e de tantas causas xustas". Asemade, A Mesa lembra que o poeta foi socio e activo colaborador desta organización. A candidatura que goberna na Coruña, a Marea Atlántica, expresa "a súa ledicia pola decisión de dedicarlle o Día das Letras 2016 a Manuel María, poeta da xente común". Dende o BNG, lóxicamente, tamén hai aplausos. "Día da Letras para o noso poeta nacional: Manuel María. Patriota desacomplexado. Home incansábel e insobornábel", escribiu Rubén Cela, voceiro en Santiago do Bloque. María Xosé Porteiro, ex-deputada polo PSdeG, cualfiícao como "un bó, xeneroso e querido poeta". Nado en Outeiro de Rei (Lugo) o 6 de outubro de 1929 e finado na Coruña o 8 de setembro de 2004, a voz poética de Manuel María xorde moi cedo. Con tan só dezanove anos pasa a formar parte do faladoiro lugués do café Méndez Núñez, que reúne a autores xa consolidados nesa época como Luis Pimentel, Aquilino Iglesia Alvariño ou Ramón Piñeiro. Por aqueles anos convértese en editor ao crear, co seu amigo e tamén poeta Ánxel Xohán, a colección Xistral a que, en 1969, pasará a ser unha editorial. Deste período tan produtivo é o seu primeiro poemario, Muiñeiro de brétemas (1950), co que se inicia a denominada Escola Tebra. Dono dunha prolífica obra poética –entre a que cómpre salientar as obras Morrendo a cada intre (1952), Mar Maior (1963), Versos para un país de minifundios (1969) ou A primavera de Venus (1993)–, co paso dos anos Manuel María estendeu a súa creación a outros xéneros como a narrativa, o teatro e mais o ensaio. A súa será sempre unha creación literaria fortemente vinculada ás conviccións políticas que defendeu.

Fonte

Comentarios