O III Festival de Variétés encheu de maxia e espectáculo o Pazo da Cultura de Carballo

Os asistentes puideron gozar entre outros espectáculos da delicadeza da danza

Seguindo coa súa vocación de promover e favorecer o coñececemento da lingua e da cultura francesa entre a mocidade carballesa, a Asociación Cultural Comité de Irmanamento de Carballo con L´Isle Jourdain organizou na tarde do pasado xoves 17 de decembro, a 3ª edición do Festival de Variétés; coa colaboración do concello de Carballo, o Pazo da Cultura, o colexio Artai e os institutos Alfredo Brañas, Monte Neme e Parga Pondal.

O que naceu coma unha experiencia única estase convertendo nunha importante cita francófona na capital de Bergantiños cada mes de decembro. Dende o Comité de irmandamento, consideran este evento como un elemento motivador que permite aos mozos e mozas mellorar o seu nivel de competencias lingüísticas ao tempo que se divirten.

O público gozou dun espectáculo variado e dinámico: maxia, humor, ballet, Kizomba, parodias publicitarias, teatro, concurso de talentos, guiñoles e música a través dos cales os participantes mostraron a súa destreza expresándose con donaire e soltura sobre o escenario na lingua de Molière. Un dos momentos máis conmvedores da gala foi a homenaxe dedicada ás vítimas dos atentados de París.

Dende a Asociación agradecen a todas as persoas que fixeron posible a celebración deste evento e animan a todo o mundo a formar parte desta iniciativa na próxima edición.

Homenaxe ás vítimas dos atentados de París
Carmen Rives, presidenta do Comité de Irmandamento agradeceu ao público a calorosa acollida

Fonte

  • Comité de Irmanamento de Carballo con L´Isle Jourdain.
  • Fotografías: Toni España.