Os alumnos carballeses sacan a memoria dos caixóns

Xa o coñeceramos, pero este pasado venres o proxecto "Carballo na memoria" continuou o seu percorrido polas entidades do concello. Tocaba o IES Alfredo Brañas, e un numeroso grupo de alumnos e alumnas encheu o salón de actos para coñecer as claves desta iniciativa que pretende recuperar a historia fotográfica da vila coa colaboración de todos os veciños e veciñas.

O profesor do centro e historiador Xan Fraga, o responsable de Abertal Networks, empresa encargada da parte técnica do proxecto, Manuel Pan e o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, presidiron unha sesión centrada en explicar as claves de "Carballo na memoria" e as diversas formas en que a mocidade pode colaborar para axudar neste labor de "recuperación global da memoria histórica", en verbas de Pan.

Así, os máis novos poden participar dixitalizando directamente as imaxes que atopen nas súas casas ou nas dos seus veciños e veciñas e familiares, mais tamén preguntando polo contido das fotos "e sacando o coñecemento máis alá das imaxes", segundo Pan.

Agora os días 17 e 19 de febreiro os responsables da iniciativa visitarán o IES Parga Pondal, despois de estar xa no Monte Neme o 24 de xaneiro, para continuar a difusión do proxecto. Todo co obxectivo de sacar as fotos dos caixóns das casas e contribuír a recuperar a historia da vila.

Novas relacionadas

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).

Fonte