Un Premio Xornalístico para homenaxear a denuncia social de Manuel Lueiro Rey

Ao igual que facemos co Certame de artigos xornalísticos normalizadores de Carballo, QPC tamén quere colaborar co concello de Fornelos de Montes, na organización da I edición do Premio de Xornalismo Manuel Lueiro Rey. Un premio de artigos inéditos en galego no ámbito da denuncia social, por ser este, o do compromiso social, a liña literaria de Lueiro.

Así, se Fornelos que xa ten un premio de poesía, a cuxa convocatoria concorre un amplo número de poetas, e conta con gañadores de prestixio coma, Silvia Penas, Eli Ríos, Luís Valle, Marcos Abalde ou Isaac Xubín, implícase agora nesta nova aventura literaria, co compromiso de seguir divulgando a figura e a obra do escritor nacido en Fornelos, Manuel Lueiro Rey.

O Certame quere lembrar o legado de Lueiro, que deixou unha importante obra literaria, tanto en narrativa coma en poesía, escribiu tamén infinidade de artigos que publicou en diversos medios, tales coma, o semanario Litoral o País de Pontevedra, Diario de Pontevedra, Faro de Vigo, Hoja del Lunes, A Nosa Terra, etc., algúns deles recollidos no libro, Crónicas dunha transición intransixente e Novas crónicas dunha transición intransixente, este último editado por Laiovento e que foi publicado o pasado ano 2016, con motivo da celebración do centenario do nacemento do escritor.

Máis información

A convocatoria estará aberta a partires do día 29 do presente mes e pecharase o 30 de xuño. Os artigos presentados (con temática de denuncia social) deberán ter entre 2.500 e 3.500 caracteres con espazos incluídos (entre 450 e 600 palabras, aproximadamente). A dotación do premio único e indivisible que será de 1.000 euros. O veredicto será dado a coñecer na primeira quincena de setembro de 2017 directamente ao gañador ou gañadora e a través dos medios de comunicación.

As bases do I Premio de Xornalismo atópanse na web do concello: www.fornelos.com.

Novas relacionadas