Un roteiro literario por Carballo ca Mesa de Bergantiños

Continúan traballando arreo os colectivos comprometidos ca lingua na zona de Bergantiños. Se a comezos de semana Queremos Galego analizaba o estado de saúde da lingua, hoxe repasamos o roteiro polas rúas de Carballo que levan o nome de escritoras e escritores galegos que artellou a Mesa de Bergantiños.

Desde xeito a asociación lembrou as nosas figuras literarias que dan nome a moitas das rúas da vila bergantiñá, tales como Castelao, Rosalía, Eduardo Blanco Amor, Ramón Cabanillas, Alfredo Brañas, Eduardo Pondal, Manuel María, etc... Para iso, as socias e socios da entidade distribuíron carteis divulgativos sobre as obras das escritoras e dos escritores, nun roteiro que partíu da Rúa Manuel María ás 6 da tarde.

O responsable da Mesa en Bergantiños, Xosé Cotelo, dixo que que “as escritoras e os escritores homenaxeados defenderon e dignificaron o galego mediante a literatura” e que “temos a responsabilidade de continuar a manter viva a nosa lingua e conquistar novos espazos para o galego até acadar todos os dereitos que ao galego lle corresponden, como lingua propia e oficial do noso pobo, mais coa dificultade engadida de que agora tamén nos temos que defender das ilegalidades que os poderes públicos perpetúan contra o galego”.

Mobilización polo 17 de maio

Desde a asociación en defensa da lingua tamén aproveitaron para distribuír carteis das concentracións convocadas pola plataforma Queremos Galego para o 17 de maio, animando a cidadanía de Carballo a participar nos actos en defensa da lingua que a plataforma organiza na mañá do sábado 17 de maio nas sete cidades galegas e mais en Foz. Concretamente, a comarca de Bergantiños está chamada a participar nos actos que Queremos Galego organiza na Coruña este 17M, que comezarán ás 12.00h ao pé do Teatro Rosalía de Castro.

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).