A Asociación de Medios en Galego presentouse aos catro Grupos Parlamentares


A recentemente constituida Asociación de Medios en Galego, da que forma parte QPC, vai collendo músculo. O grupo de 15 medios que fan comunicación na nosa lingua segue traballando e trala presentación oficial o pasado 17 de maio, este pasado martes 16 de xullo mantivo o seu primeiro contacto cos 4 grupos parlamentares galegos. Varios membros da entidade tiveron reunións no Parlamento Galego con representantes do PSdG, BNG, AGE e PP, ademais doutra cita co Colexio de Xornalistas.
Liñas estratéxicas
A entidade prantexou as súas liñas estratéxicas de actuación. Unhas propostas que sempre van encamiñadas ao mantemento, promoción e dignificación da lingua galega, á súa presencia nos medios, así como a profesionalización do sector.
A organización propón establecer un marco de relacións entre institucións e medios que abranga 3 lexislaturas.Así mesmo, avanzou a súa intención de comezar a traballar consensuadamente na creación dunha Lei de Publicidade Institucional, unha vez que o actual Decreto rixe dende o ano 1999, cando a realidade mediática do país era singularmente diferente.
Pulsando aos Grupos Políticos
A resposta dos diferentes grupos foi positiva. A primeira reunión celebrouse co PSdG. Pablo García, Abel Losada e Manel Gallego escoitaron as súas propostas e trasladaron a súa receptividade e disposición a facer de “altofalante” no Parlamento. Por parte do BNG, foron Monste Prado e Francisco Jorquera os que escoitaron aos voceiros da entidade e amosaron a súa “plena disposición a apoiar”. Pola súa banda, Xesús Ron e Ramón Vázquez, de AGE, foron tamén receptivos coas suxestións, mentres que Pedro Puy, Marta Rodríguez Arias e José Manuel Agra amosaron a intención do Grupo Parlamentario Popular a analizar as proposicións da Asociación.
Quen forma a AMEGA?
Se ben a Asociación de Medios en Galego segue en proceso de crecemento, a día de hoxe está formada por 15 medios: Galicia Confidencial, Tempos Novos, Novas da Galicia, Radiofusión, rede de emisoras municipais galegas, Praza Pública, Valmiñor.info, Quepasanacosta.com (o seu coordinador Ubaldo Cerqueiro é o Vicepresidente), xornal dixital da Costa da Morte, Certo, Xornal da Barbanza, Compas da Costa, revista dixital da Costa da Morte, Sermos Galiza, Cadernos de Comunicación e Análise, Terra Chá Xa, A Voz de Vilalba, Cronicas 3, xornal dixital da Mariña Lucense e A Nova Peneira.
Máis información
Novas relacionadas
- 17 de maio: A Xunta “pasa” do galego.
- En marcha a Asociación de Medios en Galego con participación costeira.
- Nace a Asociación de Medios en Galego coa presencia de QPC.
- Case 100 fotos participaron no concurso vitamínico de “Móllate polo galego”.
- Unha de Vitaminas para o galego dende Carballo con xornalismo e música.
- #17vitaminas para o galego, e tamén na Costa.
- Unha noite de poesía e punk para darlle Vitaminas ao galego.
- Case 200 recompensas aos que vitaminaron o galego e un festival pola lingua.
- 19-12-11: QPC e outros medios do país presentan a campaña “Vitaminas para o Galego”.
Outras novas
Fonte
- Nota de prensa da Asociación de Medios en Galego.