Volven as festas á Axenda Costa da Morte

Fin de semana pre-Entroido e xa se nota que imos superando a costa de xaneiro… Concertos, teatro, documentais… e varias festas para recibir febreiro como se merece, como colleitamos na Axenda Costa da Morte nesta fin de semana de San Blas.

Pero antes de repasalas citas, botamos un ollo ao que nos contan os amigos 4gotas.com, no exclusivo parte meteorolóxico costeiro, que nos avanzan que a finde virá fía. Moi fría, pero en xeral seca:
Só veremos algún chaparrón nos arredores de Malpica ata o mediodía do sábado. Soprará forte o vento do nordés, o que fará que a sensación térmica aínda sexa máis baixa da temperatura que marquen os mercurios.
Nas madrugadas as temperaturas baixarán dos 0 graos no interior e quedarán nos 2-3 na costa, con máximas nos 10 graos, malia o sol que predominará en boa parte da Costa.

Un venres cultural

O venres 6 de febreiro podemos comezar a fin de semana de xeito tranquilo, cunha Cita teatreira cos Venres Culturais de Carballo, emais con tres concertos: o do rapeiro galego Sokram en Carballo, o de SlouJacket tamén na capital bergantiñá, e o fantástico concerto de blues de Turnes&Casquero en Cee.

Sábado trouleiro

Pero para o sábado xa vai que poñerse o traxe de gala, porque non hai parada. Teremos por unha banda a Motofesta Invernal de Ponteceso, temos tamén as Festas de San Blas de Xaviña, ou as Festas de San Blas de Santirso, Malpica.

Teremos tamén citas máis tranquilas, como a estrea da documental “Tesouro de Corcoesto”, en Carballo, ou o divertido concerto de Richi García e Carlos Campoy en Vimianzo.

Domingo cultural

Se ben continúan o domingo as Festas de Santirso, as citas dominicais serán relaxadas, e pensando nos máis peques. Teremos teatro infantil en Carballo, e tamén cita cos Roedores de Rendrum na programación dominical do Febreiro Pequeneiro de Vimianzo.


Máis información

Tendes toda as citas debulladas en:


Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).