A forza despertará... mentres tanto Boas Festas
24 de decembro de 2015 (15:51 h.)
O primeiro decembro que vivimos xuntos quepasanacosta.com e máis eu invita a unha pequena reflexión, pero sobre todo a desexarvos o mellor a toda a familia da zona
Rubén Forján, do Sporting Zas, desexa un bo Nadal
Costeiros,
'Me llena de orgullo y satisfacción' comer o turrón, recibir ao gordiño da Coca Cola, celebrar o Nadal, o Hanukah e o soslticio de inverno de novo xunto a vós, dous anos despois de que os erros dos demáis nos separasen inxustamente. Gustaríame desexarvos o mellor, calquera que sexa a cousa que celebredes desde esta noite (e sobre todo que o fagades cheos de amor), aínda que eu non son ninguén máis que un Filípedes que vai de vila en vila achegándovos o que está a facer o veciño.
Poucas cousas teñen mudado neste paréntese da nosa historia platónica (espero que resquemorosa no menos dos casos), aínda que en certo modo é unha cuestión preocupante. Desde que pechara DEPOR Sport a ata a última fin de semana, aproximadamente un 80-85% dos futbolistas que forman cada xornada son os mesmos. Sen embargo, un número considerable de clubes teñen perdido ou todas ou algunhas das súas categorías de base. Seguramente relacionado con iso, xa non só na Terceira, senón tamén na Liga da Costa, e nalgún caso en Primeira, hai clubes que teñen presentado só once futbolistas a un encontro. É un debate que se ven prantexando desde hai tempo, e as xustificacións, ou máis ben parches, que se acostuman a poñer pasan desde o desencanto das novas xeracións, a perda de ilusión pola realidade cultural (unha socialización cada vez menor a idades curtas), falta de infraestructura, superpoboación de equipos ou a realidade económica e a perda de patrocinadores para facer proxectos sólidos.
Fronte a si hai unha evolución deontolóxica, no senso de que a maioría das portadas da crónica negra e rosa do fútbol modesto non se comprenden entre Carballo e Outes. Son contadas, afortunadamente, as excepcións de pelexas, agresións ou suspensións de encontros que tanto contribuiron a esa lenda escura do noso balompé, e que chegou xerar (os que somos da Coruña o sabemos) certo tópico noxento sobre unha suposta perigosidade de ir xogar á Costa da Morte. Aprendemos a base de paus, sancións e certa man dura, inxusta en boa parte dos casos, pero si se agradece esa paz e deportividade. A elo contribuiu unha cultura de valores sustentada en moitos casos na aposta por adestradores titulados e monitores acreditados desde a base, nun credo e nuns valores, e nun exemplo que se ten proxectado ata os equipos Sénior, representado nos Manu, Sil, Félix, Manolito, Josito… e non me quero deixar a ninguén no tinteiro, pero a realidade é que apenas quedan persoaxes viciosas ou nocivas para a saúde mental do fútbol da Costa.
Pero como non todo van ser adoracións idílicas do día do piropo sinxelo, no debe pesa esta vez a competitividade. Certo é que hai anos que non se mete un representante costeiro (o caso do Bergantiños é sempre discutido) na Terceira División. Pero é que a realidade di que na Preferente e na Primeira, agás o Soneira e en menor medida o Sofán, a competitividade non é directamente proporcional ao interese que suscita o fútbol da zona. Son dous só os representantes na máxima categoría autonómica, e se os dous conseguen manter a categoría habería que poñerlle unha vela a Santa Catalina e outra a Santa Eulalia. Reinventados Dumbría e Xallas, parece que só con producto costeiro non da para seguir a flote. E iso que por debaixo ven pelexando un Soneira nunca tan representativo da comarca, convertido en modelo a seguir e que invita a non só confiar nunha xeración de bos canteiráns, senón a facerlle un bo espazo para a convivencia entre dúas ou tres camadas. A paciencia normalmente ten os seus froitos, como tamén amosa o Outes. Por outra banda, a igualdade da Liga da Costa benvida sexa. Pero xurde a reflexión se ese nivel paritario é síntoma do déficit competicional máis arriba, se é unha igualdade ó alza ou se é unha socialización dos 'medios de producción'. O que si que está claro é que, coma se dun espello do socials se tratase, o 20% dos equipos da Segunda Autonómica teñen un potencial maior ao 80% restante, e que os 'pobres' (non dun xeito económico) son cada vez máis 'pobres' e ven coma un suplicio o enfrontamento 'de clases'. Máis impresivible, por natureza, é unha Terceira que pide a berros unha reconsideración, ao igual que un plan competicional que leva anos sodomizando e abusando en tódolos sentidos (económico, deportivo e social) do balompé da Costa. No seu momento mexaron por nós e dixemos que chovía. Pero nunha choveu que non escampara.
Pero coma sempre quedará o noso recuncho de romanticismo, esa Copa da Costa que este Nadal regresa da man do turrón, e de seguro que en moitos casos se notarán nos partidos eses excesos culinarios e en forma de dixestivo. Pero como no seu día dixo un dirixente de Corcubión que chegou levantar unha Liga cun equipo galego… este é o noso xeito de facer as cousas. Non é nin mellor nin peor que o de ninguén, pero é o noso.
Saúde e por un 2016 no que brindemos polo 2017