A xornada do xoves deixa á Esteirana líder da Liga Unificada Xuvenil

Este pasado xoves 12 de outubro, houbo xornada. Non foi completa, pero si que houbo 21 partidos dos equipos costeiros.

Preferente

A SD Sofán gañou en Outeiro de Rei-Foto-SD

Comezando pola Prerente, onde Sofán e Xallas abrían a xornada que se completará o domingo. O xoves deparou unha vitoria da SD Sofán en Outeiro de Rei, e que deixa ao equipo de Iván Cancela en postos de ascenso, esperando a ver o que faga o domingo o Polvorín. O que non tivo tanta sorte foi o Xallas, que caeu en Ordes ante un conxunto que loita nos postos de arriba. Os xalleiros deben comezar a escalar posicisións.

Ligas Galegas

Nas Ligas Galegas, os nosos Dumbrías acadaron sendos empates. Tanto en cadetes como en xuvenís os dumbrieses mantéñense na zona morna da táboa.

Xuvenís

A Esteirana xa é o líder da Liga Xuvenil

Boa parte da atención da xornada do xoves estaba centrada na Liga Unificada Xuvenil, tan interesante neste comezo de campaña. Foi a Esteirana a protagonista da xornada, pois sendo o único equipo invicto da Liga xa é o novo líder. Os de Josiño Alves venceron con certa solvencia ante o Soneira, un equipo a ter en conta. Os esteiráns dominaron a primeira metade, se meteron por diante co tridente Íker, Carajillo e Roberto, pero acabaron sufrindo nunha máis igualada segunda metade.

Aproveitaron os blaugrana a derrota do Corme no derbi pontecesán. Partidazo o do Pinguel que devolve ao Ponteceso á senda dos bos resultados. Os goles de Luca, Aarón (2) adiantaban ao Ponteceso na primeira, pero nada máis comezar a segunda Manu Bermúdez recurtaba. Pop ampliaba a renda e cando o partido parecía decidido Eloy Villar e Samuel metían un 4-3 que deixou case que media hora de incertidume ata o pitido final. O Corme cae á 3ª praza, a 2 do líder, mentres que o Ponteceso suma a súa segunda vitoria consecutiva e parece que empeza a soñar con volver á zona nobre.

Partidazo tamén o vivido en Ara Solis, con dous equipos xogando de poder a poder e con alternativas. Mandou sempre o Fisterra, pero o Sofán non daba por perdido o partido e se mantivo con opcións practicamente ata o desconto, cando sentenciaba Xan Xixo co 4-2. Os de Pablo Lestón quedan na 2ª praza a un só punto da Esteirana.

Na 4ª praza álzase o Coristanco, que non tivo piedade dun Xallas que segue sen estrear o taboleiro de puntos e con moitos problemas de efectivos. O cadro xalleiro aguantou a primeira metade pero na segunda caeron os goles de Fran (3), Castro (2), Dani e Cambón para sentenciar o choque.

5º é o San Lorenzo, que dominou de principio a fin ante un Outes voluntarioso pero con 5 cadetes na convocatoria. Non se deixaron ir os da Serra pero non puideron cos carballeses.

Tampouco tivo moita historia a vitoria do Corcubión na nova Arliña, pois o cadro visitante xa mandaba 0-4 no primeiro cuarto de hora. O 1-15 no marcador deixa claro quen foi o dominador e mantén aos muxiáns aínda sen sumar.

Tampouco tivo cor o choque rivalidade entre Cabana e Laxe. Sorprendeu a superioridade dos cabaneses ante un cadro laxense que estaba mellor situado na clasificación e que vén competindo moi ben. Pero o cadro de Fernando estivo moi acertado na segunda metade e os goles de Simón (3), Yago (2), Rubén (2) e Castro foron demasiado para os de Dani Argüelles e Martín Carrabete.

Pola zona baixa, Miúdos e Baio empataban nun choque moi serio. O Baio amosou a súa mellor cara ante un moi bo Miúdos. Adiantouse o cadro baiés na primeira, mesmo puideron levar máis vantaxe, pero á volta do descanso o cadro muradán dáballe a volta ao marcador. Intentouno por todos os medios o Baio, e o empate só chegou ao fío do desconto, cun tanto de Damián que deixaba as definitivas táboas no marcador.

 

Liga Infantil

Choque infantil no novo campo de Arliña

7 xornadas leva a Liga Infantil e 6 equipos manteñen unha fermosa loita na parte alta. É o Outes o que comanda a clasificación sendo ademais o único equipo invicto. Os da Serra venceron con rotundidade ao Coristanco pero só sacan 1 punto aos seus inmediatos perseguidores. Son, como non, o seu continuo rival nestas xeracións, o Cee, que tamén goleaba á Esteirana; e o Cabana, que sufría e moito para vencer a un Concello de Zas que parece que mellora moito nas últimas xornadas.

A 3 do liderato atópanse Os Miúdos e Esteirana, e chega pegado por detrás ese Dumbría chamado a moitas máis cousas, e que vencía ao Xallas. Os dumbrieses perdían nas súas primeiras xornadas precisamente ante Outes e Cabana, pero levan 5 vitorias seguidas.

 

Novas relacionadas

Crónicas da tempada

Máis información

  • www.futboldacosta.com: Todas as táboas dos horarios, resultados, clasificacións e marcadores en tempo real.

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).