Arrinca a tempada para a 1ª, 2ª e Xuvenís
Que gusto que chege ese primeiro mércores no que actualizamos os horarios de www.futboldacosta.com. Un momento que dá conta de que a temporada 2016/2017 xa está aquí de cheo. Unha vez analizado como se moveu o Mercado de fichaxes do Fútbol da Costa, pasamos a ver como se presenta a 2ª xornada da Preferente, e os comezos da 1ª e 2ª Autonómica, ademais das Ligas Xuvenís comarcais.
Tralas 3 derrotas dos nosos no comezo da Preferente, toca remar. Especial será ese primeiro partido do Carral en Preferente.
Fisterra, Zas e Dumbría estrean categoría o domingo. Ara Solis, cos Rapacollóns de novo en acción prepárase para ver ao seu equipo en toda unha 1ª Autonómica, recibindo ao Lalín. Pola súa banda, o renovado Zas visita ao Sigüeiro, campo accesible para estrarse con boas novas. O Dumbría aspira a todo e terá que demostralo dende o principio ante todo un Unión, un equipo que leva os últimos anos quedando na zona noble.
Con estes 3 equipos, o Outes repite categoría e faino en Piloño, un dos vellos coñecidos dos de Manu Roque.
O primeiro partido da Liga da Costa 16/17 será o Castriz-Corcubión, adiantado ao sábado. Nunha primeira xornada que deixa un interesante Malpica-San Lorenzo, coa volta de Óscar Suárez, dende o banco dos de Verdillo, a Pedra Queimada. Teremos o ollo posto tamén no Mazaricos-Ponteceso, un auténtico partidazo, ou no derbi soneirán entre o Baio, e un Baíñas que sempre empeza a tempada coas miras moi altas.
A 3ª non empezará ata a fin de semana do 17 e 18 de setembro, pero si que arrincan os Xuvenís.
Novidades nas Ligas Xuvenís
Despois de dúas modificacións de última hora, tralas retiradas de Castriz e do Porteño, o Soneira tampouco partirá de inicio pois non deu xuntado rapaces suficientes, quedando finalmente só 19 equipos, 9 no Sur e 10 no Norte.
Así, o venres xa haberá o primeiro partido no Cairo, cun fantástico derbi entre Corme e Laxe, que había tempo que non se producía, pois é o primeiro curso dos laxenses. Outros que se estrean son os carballeses do Sofán e das Pedreiras (o San Lorenzo). Os primeiros enfróntanse ao Baio e os segundos reciben en Verdillo ao Zas.
Polo sur, tócalle descansar ao Cee e o Xallas volve ser un dos grandes favoritos, despois de estar moi preto do ascenso á Liga Galega o ano pasado.
Máis información
- Mercado de fichaxes do Fútbol da Costa.
- As táboas de resultados e clasificacións en www.futboldacosta.com. Piquen dende o seu teléfono e pulsen “Engadir a pantalla de inicio”, para ter sempre os resultados no peto.
- A actualidade no Facebook “Fútbol da Costa”.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).