Autovía ao ceo
02 de setembro de 2016 (07:19 h.)
A apertura do novo vial venlle de perlas a Pedro Gómez, que cada día se desprazará durante doce minutos desde Carballo a Baio para tentar devolver a Primeira a un dos decanos da Costa
Pedro Gomez, novo adestrador do Baio, xunto a Óscar Suárez, que colle o seu relevo en Verdillo
O punto e aparte que se vivirá esta tempada no Platas Reinoso de Baio é unha definición común tanto para o equipo Sénior como para o seu adestrador, Pedro Gómez, que por primeira vez fai as maletas, abandona o Concello de Carballo e comanda un proxecto co obxectivo de recuperar o antes posible o terreo perdido. O home que a piques estivo de levar ao San Lorenzo a Primeira Autonómica conta cun grupo moi fiel ao que ten sido o Baio dos últimos anos, con retoques chave nalgunhas posicións. Iso, e sobre todo a estructura do clube, fan que o adestrador non teña outra cousa que boas palabras para o inicio da aventura. "Da gusto ter unha instalación para un só; é un clube exemplar para traballar", indica sobre a dinámica. "A xente estaba moi desanimada e houbo que convencer a moita xente para que confiase en seguir, pero finalmente o logramos", engade sobre a construcción da base.
Pedro Gomez novo adestrador do Baio
De feito, hai só unhas horas que o Baio ten pechada a súa lista de futbolistas, toda vez que a recente lesión do meta DIego, unha das grandes apostas do curso, ten provocado a chegada 'in extremis' de Recarey, ex de San Lorenzo e Ponteceso, e que se perfila coma titular para o debut ante o Baíñas. Precisamente, ese tipo de inconvintes son os que Pedro detecta como pantasmas da súa anterior etapa en Verdillo. "Hai cinco ou seis equipos, como Ponteceso, Mazaricos, Malpica, Corme ou San Lorenzo que todos sabemos que van loitar polo ascenso, pero o único que pido é que nos respecten as lesión, aínda que temos un fondo de armario moi bo", comenta.
Unha das tendencias que tentará revertir Pedro Gómez en Baio é a dos equipos que caen de Primeira a Segunda Autonómica, onde acostuman a pasalo mal no primeiro curso. "Normalmente, os equipos que baixaron os últimos anos non fixeron despois moi boas tempadas; aínda que neste caso eu creo que será diferente, porque por exemplo nin nós nin o Corme temos cambiado moito", subraia o home cunha soa idea na cabeza: que Baio volva ser de Primeira.
Máis información
- Mercado de fichaxes do Fútbol da Costa.
- As táboas de resultados e clasificacións en www.futboldacosta.com. Piquen dende o seu teléfono e pulsen “Engadir a pantalla de inicio”, para ter sempre os resultados no peto.
- A actualidade no Facebook “Fútbol da Costa”.