Benvidos ao Norte

A comarca de Bergantiños acolle dous partidos 'top' na Liga da Costa: o Ponteceso mide o remozado proxecto do veciño Malpica, mentres que nas Pedreiras de Verdillo o San Lorenzo mídese ao Baio do seu exadestrador
O Cerqueda sorprendeu na primeira xornada - Foto: UD Cerqueda Habería que responderlle a Raffaella Carrà que aínda que para facer ben ao amor recomende ir ao Sur, para ver fútbol gourmet recoméndase ir ao Norte, polo menos esta fin de semana. A comarca de Bergantiños e a Liga da Costa focalizan a atención con dous encontros entre candidatos a todo, aínda que nalgún dos casos co 'pero' da incógnita. Ponteceso-Malpica e San Lorenzo-Baio confirman un arranque de calendario taquicárdico e sen concesións. E desde Santa Comba e Vimianzo poderían matizar iso da atención principal, xa que Xallas e Soneira repetirán a final de Copa de Pino do Val de hai un par de meses, con ansia de vinganza no caso dos 'irmandiños'. As baixas condicionarán lixeiramente os plans de ambos, aínda que promete emocións fortes e igualdade coma no torneo do KO. Pola súa banda, ao Sofán lle toca un viaxe 'paliza' a Ribadeo para medirse a un exTercera con moito peso ofensivo. Tampouco se queda sen derbi unha Primeira co enfrontamento entre Zas e Dumbría, de proximidade xeográfica pero non de rivalidade histórica. Curiosamente, o curso pasado mediadaban dúas categorías entre ambos. Ao ledo Fisterra lle agarda o Tordoia a domicilio, un rival duro, físico e correoso, pero inferior en canto a calidade. Máis difícil sobre o papel o terá o Outes, na casa cun Sigüeiro que xa superou hai unha semana ao Sporting Zas. Por segunda xornada consecutiva, ao Corcubión tócalle abrir a xornada, xunto ao Laxe. Por Cabo D'Area pasará un Camariñas que gustou no seu debut, mentres que en Cubaleiro o Louro empeza a súa 'liga' despois do debut amargo co Corme. Para o domingo quedan os dous partidazos. No Pinguel cruzaranse dous proxectos con certo paralelismo recente, no sentido de reconstrucción post estancia en Primeira. En Ponteceso todo vai pola boa senda, mentres que na veciña Malpica empezan a darse os primeiros pasos despois dun curso de pesadelo. Pola súa banda, o das Pedreiras de Verdillo será un encontro prematuro entre o extécnico do San Lorenzo, Pedro Gómez, e o seu actual Baio, tamén nesa mesma fase de reconsideración do futuro. Gustou no seu debut co Baíñas. Haberá tamén mini derbi entre o ilusionante Cerqueda e un Buño que segue a ser o Buño de toda a vida, cos inmortais oleiros no seu plantel.  

PreferenteNorte, xornada 3

 

1ªAutonómica, Gr.2, xornada 2

 

2ªAutonómica, Gr.2, xornada 2

 

LigaGalega Xuvenil, xornada 1

 

1ªXuvenil, Gr.2, xornada 2

 

1ªXuvenil, Gr.3, xornada 1

 

LigaGalega Cadete, xornada 1

 

LigaGalega Infantil, xornada 1

 

Máis información