De Dumbría a Zas, Ponteceso e Carballo Correndo pola Costa da Morte
Aínda queda moito por correr na Costa da Morte este verán. A moda non para e parece que non haberá fin de semana sen cita atlética.
O Circuito Correndo pola Costa da Morte acaba de arrincar e o Circuito da Deputación tamén ten varias probas en marcha.
Circuito Correndo pola Costa da Morte
Coa proba aprazada de Mazaricos ata o 30 de xullo, aínda temos que gastar zapatilla por Zas, Cee, Muxía, Carnota, Corcubión e Fisterra. E tamén por Ponteceso, onde a pesar de non formar parte do Circuito, si que arman unha pedestre municipal.
Pero antes, temos que repasar o acontecido en Dumbría este pasado sábado 28 de maio, onde o vimiancés Michel Antelo e Rocío Alvite, si, a mazaricá campiona de Europa, quedaron campións. Míchel superou ao carballés Javier Seoane na última recta e o xalleiro Gonzalo Silva completou o podio. Rocío tivo que superar á vimiancesa Paula Trillo e á esteirá Concha Novas.
Tras 3 probas dispitadas, Míchel xa lidera o Circuito por diante de Martín Regueira e Javier Seoano. Rocío arrasa nas féminas con vantaxe sobre Teresa Castro.
Carreira en Zas
A seguinte proba será este 4 de xuño en Zas, a partir das 17:00h coa saída dos pequenos. Xa hai máis de 400 inscritos, pero aínda se poden inscribir, ata o 1 de, xuño en championchipnorte.com ou no Concello.
E a Ponteceso co Circuito da Deputación
E o seguinte sábado, o 12 de xuño, a cita atlética será en Ponteceso. Fóra do Circuito costeiro pero dentro do IV Circuíto Provincial de Carreiras Populares da Deputación da Coruña, terá lugar a 3ª Carreira Pedestre PR-G 148 Concello de Ponteceso.
Poden inscribirse en www.carrerasgalegas.com ata o día 9 de xuño de 2016.
Máis de 1000 inscritos xa na 10K de Carballo
Faltan 19 días para a 10K e xa son máis de mil as persoas anotadas para a carreira popular organizada polo Concello de Carballo e incluída no IV Circuíto de Carreiras Populares da Deputación da Coruña. A Coruña e Carballo son os concellos coa participación máis elevada, pero na relación de inscricións figuran deportistas de 67 municipios galegos e un asturiano. O 77 % son homes e o 23 %, mulleres.
Todo indica que se esgotarán as 1.200 prazas habilitadas para a categoría absoluta, xa que a día de hoxe quedan menos de 250 dispoñibles, polo que as persoas interesadas en participar deben formalizar a súa inscrición o antes posible. O prazo está aberto ata o día 15 en championchipnorte.com e carballo.gal.
Novas relacionadas
- Unha Campiona de Europa para Mazaricos.
- Rocío Alvite gaña en Vimianzo e prepara a Carreira Pedestre de Mazaricos.
- Sara Vieites, a estrella Circuíto de Carreiras Populares Correndo pola Costa da Morte.
- Duatlón e maratón con acento muradán e irmandiño.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).