De neno prodixio a década prodixiosa

Hai dez anos, David Blanco era unha das grandes promesas do fútbol da Costa e o referente ofensivo do Montañeros en División de Honor; hoxe, incluso capitaneando ao Sporting Zas, vive o seu mellor ano realizador e apunta ao título da Liga da Costa
David Blanco, nun derbi contra o Baio - Foto de portada: Alejandro Mel Trinta e cinco goles en vintesete partidos é a suma de extraterrestre que alcanzou o pasado domingo David Blanco Mato, dianteiro do Sporting Zas. É o que ten que a Liga da Costa viva unha situación propia da Primeira División, con xogadores doutro planeta (categoría) que destrozan as estatísticas tradicionais. Entre o propio punta sportinguista, Álex Flores (Castriz, 30) e Adrián (Fisterra, 29) suman noventa e catro 'chicharros'. Se un bota a vista atrás, era cousa habitual ver recibir trofeos de goleador do curso a puntas con vinte, dezanove ou dezasete muescas no mazo, algo de primeira volta para estes depredadores. No caso de David, é cousa xa de récord persoal, sete tantos xa por encima do seu mellor curso en Malpica. Pero o de Neaño (Cabana) ou é un matrimonio de por vida co gol ou ten feito unha sorte de pacto co diablo. Cando a un se lle estropea unha tubería chama a un fontanero, ou se reventa un motor a un mecánico. Pois imaxinen agora ao pichichi da Liga da Costa co traxe dos Cazapantasmas, acudindo á chamada desesperada de equipos que parecían ter un meigallo co gol. Así ten sido a súa carreira desde hai unha década, cando era o referente ofensivo do Montañeros herculino de División de Honor Xuvenil, salvado in extremis nos minutos finais. Ten pasado por tódalas categorías: Terceira Autonómica nunha efímera axuda ao seu Cabana, Liga da Costa con Malpica ou Sporting Zas, Primeira co Malpica ou o Xallas e Preferente con Bergantiños, Xallas ou Sporting Sada. Este último caso tamén foi a historia dunha chamada desesperada de Manolo Losada para salvar outro barco que afundía. Agora, igual que sucedera en recentemente en Malpica, parece ter atopado unha estabilidade en Zas, de tal xeito que ata ten portado o brazalete de capitán dun equipo que o acolle como se fose máis do pobo que a Carballeira. "Podo considerarme un máis da casa, ou así mo fan ver no Sporting", confesa o dianteiro, que o ano pasado a pesares da súa boa conta sufriu os dous duros paus en forma de ascenso frustrado. "Non quedamos moitos futbolistas do ano pasado e si chegou moita xente nova", indica David, que non cre que se vaia aparecer de novo a pantasma daquela experiencia. "Non creo que se poda falar de medo a gañar ou a que pase o mesmo, creo que máis ben hai ganas de levar unha Liga que se está a resistir nos últimos anos", matiza. Pero… en que ten mellorado este David Blanco respecto ao 'Harry Potter' que volaba de clube en clube? segundo el, nas compañías. "Sinceramente, creo que a parte fundamental é o equipo, xa que poder contar con xente coma Rubio ou Rubén Forján fai que todo sexa moito máis sinxelo", explica o futbolista, que mira para o calendario cos duelos directos marcados a lume. "Ás alturas de campionato nas que estamos, os enfrontamentos directos van marcar a sorte da liga, xa que os estres de arriba apenas estamos a perder puntos, nin contra os de arriba nin cos de abaixo", confesa. No horizonte está un partido chave co Fisterra, por exemplo, onde se todo vai segundo o guión do curso, pode acabar a cita nun 7-7, con sete de David e sete de Adrián. Por certo, que o de Cabana é pequeno, escurridizo e culé, mentres que o fisterrán xoga moitas veces co '7' e ten unha forza descomunal. Soalles de algo ese duelo de 'bichos'?

Máisinformación

Fonte

  • Guillermo Parga (guillermoparga@quepasanacosta.com).