Dous bergantiñáns, campións de España de Salvamento
Non todas as semanas presentamos en QPC a dous campións de España. Pois esta semana, o concello de Carballo recibía oficialmente ao presidente de Club de Salvamento e Socorrismo de Carballo (Sysca), Pedro Lantes, o adestrador Óscar Vázquez, e aos Valeria Gómez Anido e Adrián Martínez Cotelo, deportistas que quedaron campións na proba de bandeiras no XXVI Campionato de España de Salvamento en Augas Abertas, realizado en xullo nas praias coruñesas do Orzán e Riazor.
O mérito dos dous mozos participantes ten máis importancia se cabe, xa que os dous competían por primeira vez na categoría absoluta. Un mérito que se viu aumentado polo feito de que o pasado 25 de setembro, no Campionato do Mundo de Salvamento e Socorrismo por clubs que tivo lugar en Montpellier (Francia), Valeria Gómez tivo unha extraordinaria actuación na proba de bandeiras que se disputou durante toda a xornada. A participante, de tan só 15 anos, rematou quinta, unicamente superada polas catro integrantes do equipo australiano e na súa primeira comparecencia nesta competición en categoría absoluta.
Non quedan aí os méritos de Valeria Gómez, que tamébn logrou o campionato de España en categoría xuvenil, foi primeira autonómica en todas as categorías e tamén foi campioa absoluta na proba de bandeiras de salvamento. Nese palmarés, hai que engadir que foi a mellor nos Xogos Náuticos do Atlántico.
O alcalde dixo "o grande reto do deporte en Carballo sería ter un deportista olímpico". Verémolo!