Faraóns do Cairo
11 de setembro de 2016 (22:47 h.)
Unha nova goleada manten ao Corme líder da Liga da Costa, onde o partidazo entre Ponteceso e Malpica acabou en estratexia pura; Soneira e Xallas deixaron un derbi para o recordo en Preferente
O Louro acadou os seus tres primeiros puntos - Foro: Juan Louro
Que o Corme é un equipo eminentemente ofensivo e de sentemento é unha evidencia desde que esta xeración asumira as rendas. E ten pinta que baixo eses argumentos pode chegar un novo ano dourado. Teñen comezado ao grande os azuis, líderes tras unha nova goleada, esta vez ante un sobrepasado Coristanco. Son xa doce dianas en dous encontros, con tan só un concedido. Foi unha das novas dunha fin de semana que comezou a deixar pinceladas.
A reedición da final da Copa da Costa foi tan axustada coma hai dous meses, aínda que con goles. Tiro de orgullo e igualou dous goles de desvantaxe un Soneira mermado na súa convocatoria, pero cun plan perfectamente definido. O clásico non debe, empero, ensombrecer a sobresaínte vitoria do Sofán en Ribadeo, ante un ex de Terceira División que probou a medicina dos de Josito: moita orde e unha pegada brutal.
Os nomes propios asoman nunha Primeira Autonómica onde Dumbría e Fisterra aínda non saben o que é encaixar goles. O nome que une a ambos, Adrián, foi chave na súa faceta bigoleadora para que os do Conco venceran no derbi ante o Sporting Zas. Pola súa banda, o Outes pouco tivo que facer na visita do Sigüeiro.
Ten pinta de aberta a Liga da Costa, onde no partidazo Ponteceso e Malpica tiraron de oficio e minimizaron riscos para unhas táboas moi traballadas. Noutra fronte grande, San Lorenzo e Baio deixaron seis tantos, no que era o retorno de Pedro ás Pedreiras. Foron os carballeses os que fallaron menos atrás e levaron os tres puntos. Con discrección chega un Cerqueda invicto e imbatido, que se impuxo pola mínima ao Buño, nun derbi moi axustado. E tamén se instala o optimismo en Cee, onde o renovado Unión contra por triunfos os seus partidos. No fútbol base, o comezo de curso para os cadetes do Dumbría, triunfadores, foi máis pracentero que para o Infantil, derrotado en Lugo coa Residencia.
PreferenteNorte, xornada 3
1ªAutonómica, Gr.2, xornada 2
2ªAutonómica, Gr.2, xornada 2
LigaGalega Xuvenil, xornada 1
1ªXuvenil, Gr.2, xornada 2
1ªXuvenil, Gr.3, xornada 1
LigaGalega Cadete, xornada 1
LigaGalega Infantil, xornada 1
Máis información
- Mercado de fichaxes do Fútbol da Costa.
- As táboas de resultados e clasificacións en www.futboldacosta.com. Piquen dende o seu teléfono e pulsen “Engadir a pantalla de inicio”, para ter sempre os resultados no peto.
- A actualidade no Facebook “Fútbol da Costa”.