O 'tetrabrik' do título
26 de febreiro de 2017 (21:03 h.)
Os cinco candidatos ao título golearon, case todos marcando catro goles, e a Liga da Costa entra para eles nunha sorte de bucle de perfección; por arriba, a reacción do Outes pode ser de libro
Non tivo problemas o San Lorenzo co Louro - Foto: Edu Olveira
Parece algo así como un levantamento ou iniciativa popular promulgada por Corme, Baio, Ponteceso, San Lorenzo e Mazaricos a dinámica que está a coller a Liga da Costa. Cómplices, semella como se lle estivesen a pedir á Federación que de por finalizado o curso e divida o título en cinco partes iguais. Ou que o anaco máis grande o leve o aínda invicto conxunto do Cairo. Unha semana máis, houbo pleno de triunfos entre os de arriba, e con versións prácticamente idénticas: o líder goleou e fixo catro tantos ante o Cerqueda, a mesma cifra e resultado que como local acadou o San Lorenzo co Monte Louro e o Baio co Camariñas, e parecido ao Mazaricos e Ponteceso. Dándolle a volta á taboa a cousa non está moito máis decidida, co Cee salvando os mobles en Laxe nun partido chave, e a poderosa reacción dun Baíñas a nivel dos da cabeza. Máis preocupantes son as situacións de Corcubión e Esteirana, ambos nun bache que está a penalizar as súas opcións de manter a categoría. E non menos preocupante é o 2017 dun Camariñas que perde efectivos, perde media de idade e, sobre todo, perde a fiabilidade e alegría da primeira volta.
As categorías máis 'top' repartiron emocións. Na Preferente o emoticono do sorriso tecleouse novamente en Santa Comba, cun set en branco a un Sporting Sada tremendamente inferior e apabullado. O da cara de sorpresa foi en Sofán, onde apenas escapan puntos pero esta vez coto de caza para o filial do Lugo, un Polvorín con opcións de ascenso. E o da tristeza regresou a Vimianzo. Sabido era que o desprazamento ao centro de Lugo é coma para un hobbit ir a Mordor. Ou peor. Na Primeira regresou a versión do líder, un Dumbría que aínda así só ten dous puntos de marxe. Pero sobre todo está un Outes insospeitadamente exitoso e que ten ese carácter gañador cambeirano. O derbi co Fisterra quedou nun Cunchido ateigado. Peores novas tocáronlle a un Sporting Zas que debería ter vencido a un rival directo como o Val do Ulla.
Máis tranquila foi a semana nunha Terceira con sorpresas e na que o Muxía cumpriu os pronósticos goleando ao Outes. Perdeu terreo un Ameixenda que non pasou do empate na casa cun Camelle que parecía dominado polas ganas de adicarlle un éxito ao seu meta Carlos, e dalgún xeito pode estar orgulloso aínda que fose un punto.
LigaBenxamínSur, xornada 18
PreferenteNorte, xornada 26
1ªAutonómica, Gr.2, xornada 24
2ªAutonómica, Gr.2, xornada 24
LigaGalega Xuvenil, xornada 23
1ªXuvenil, Gr.2, xornada 19
1ªXuvenil, Gr.3, xornada 23
LigaGalega Cadete, xornada 23
1ªCadete, xornada 20
LigaGalega Infantil, xornada 22
1ªInfantil, xornada 22
LigaAlevínSur, xornada 18
LigasVeteranos, 1ª División
LigasVeteranos, 1ª División
Máisinformación
- www.copadacosta.com.
- As táboas de resultados e clasificacións en www.futboldacosta.com. Piquen dende o seu teléfono e pulsen “Engadir a pantalla de inicio”, para ter sempre os resultados no peto.
- A actualidade no Facebook “Fútbol da Costa”.