Repaso ao estado das Ligas de FS da Costa da Morte

Choque da Liga de FS de Mazaricos-Yoni Tunas-Pescalo

Aproveitamos esta fin de semana para facer un repaso a todas as Ligas de FS da Costa que seguimos en www.futboldacosta.com. Imos por Cee, Corme-Ponteceso, Carballo, Malpica e Mazaricos para recordar como van pegando os equipos.

Segunda Fase en Cee

O Pub Nerio-El Armario de Marta foi finalmente campión da 2ª División da LIga de FS de Cee

Rematou a Liga e o Máis Deporte proclamouse novo Campión da Liga de Fútbol Sala de Cee, tomando o relevo da Cantina, ao que lle levantou o título na penúltima xornada.
O fisterrán Bruno, con 20 goles, foi o pichichi da 1ª, por diante do seu compañeiro na Cantina Roberto (13 tantos) e de Diego Cespón, do campión (13 goles).

Na 2ª División, ascenden PubNerio-El Armario de Marta e Panadería Pichín. Ambos se xogaban a honra de levar o campionato na última xornada e os do Ézaro puideron cos ceenses.
O mítico Fran Pioto, do Estrella Roja, foi o pichichi con 30 goles, polos 21 de Lucas Riveiro do campión, e os 18 de Diego Lojo, do Garaxa Xallas.

Agora, tralo parón desta semana, comeza xa o Play Off con doble partido dende Cuartos. Enfróntanse os 4 primeiros de cada liga para conseguir o título final.

 

1º contra 2º en Mazaricos

Choque da Liga de FS de Mazaricos-O Corvinho-Alborada

Seguen os Gorrións voando máis alto na liga mazaricán dos sábados, pero terán este día 5 o choque máis importante da Liga. A falta de 4 xornadas para o final, o Alborada, 2º a 5 puntos do líder, medirá as verdadeiras forzas dos paxaros. Ben é certo que o Alborada vén dun empate ante o Excavacións Yoni Tuñas, pero aínda esperan vencer para meterse na loita polo título.
Lembren, sábado 5 ás 21:30h, duelo no pavillón da Picota,

 

O Prisma-Illa-JB manda sen piedade

Non ten rival o Prisma-Illa-JB na liga sabatina de Malpica. Saca 8 puntos aos seus perseguidores San Frencisco e Bar Avenida, que se non gañan permitirían que o líder cantase o alirón con 3 xornadas de marxe se vence ao Bar O Cruce. Este sábado 5 nova xornada completa dende as 17:00h.

 

Igualdade na segunda fase de Ponteceso-Corme

O Bar Faro Roncudo do ano pasado, volve ser un dos favoritos na Liga de Corme-Ponteceso

Tamén os sábados temos liga en Ponteceso. E xa estamos na segunda fase, coa 1ª e 2ª División formadas e xa na 4ª xornada. Nas 3 primeiras vemos que o Faro Roncudo, un dos grandes favoritos, xa se asoma no alto da táboa, pero co permiso de Talleres Cotelo e Cervexería Ágora-Capelán. Precisamente a xornada deste sábado 5 a protagonizan o Faro Roncudo co Ágora, a partir das 15:50h.

En 2ª, igualdade máxima, con 6 equipos sumando 6 puntos nas 3 primeiras xornadas.

 

As 3 Ligas en marcha en Carballo

Imaxe dun choque entre o Interfutsal-Deportes San Remo e o Restaurante Río Sil da Liga de Futbol Sala de Carballo

Despois do remate da primeira fase, nas que O Pazo e Brasería Carballo vencían os seus Grupos Azul e Vermello, arrincaron xa as 3 novas liguillas carballesas, cos grupos chamados Concello de Carballo, AD Carballo e donClic. Esta semana tocaba parón, pero a partir do luns 7 xa se retoman os partidos.

 

Máis novas do FS

As táboas en www.futboldacosta.com

 

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).