Santa Gotham City
01 de decembro de 2016 (14:27 h.)
Coma se de Batman se tratase, Róber Pladur acudiu á chamada de socorro desde a montaña combesa a Esteiro para salvar a categoría en Preferente; só uns meses máis tarde xa é protagonista e líder, xunto á lenda Doro, do equipo máis en forma da categoría
Róber Pladur, un coleccionista de éxitos
Reinaba a escuridade en Santa Comba a comezos de ano. Negro era o horizonte da permanencia para un equipo con agudos problemas de gol, e que tiña por diante ademáis unha longa lista de arrastres. Despois de estar durante meses rivalizando co Dumbría por ver quen escapaba da condición de colista, un movemento mestre mudou o destino. Pareceu alumar o ceo con ese foco que en Gotham City require a presencia do salvador Batman, e que en Santa Comba deu nunha RP xigante, que baixou polas Paxareiras ata Esteiro e desperteu unha bestia que parece seguir con fame: Roberto Lago, AKA Róber Pladur.
Se Bruce Wayne é un millonario empresario na vida 'tranquila', no caso do atacante pódese dicir que de vez en cando a súa vena 'filántropa' lle leva a incrementar notablemente os réditos deportivos da Esteirana do seu corazón. Só cando hai alguén en problemas fai as maletas e 'emigra'. Sucede en Santa Comba e o mesmo ocorreu hai uns anos en Noia, no que era o seu debut en Primeira e deu nunha aventura máis en forma de aprendizaxe que de bo recordo. Pero o certo é que este Pladur de 26 anos é xa un futbolista absolutamente feito e definido, capaz de botar ás súas costas un equipo xa sea de Segunda ou de Preferente, así como de colar a cabeza entre os futbolistas máis determinantes da categoría. Boa parte da xeira que ten ao Xallas na oitava posición ten que ver co seu momento, como sucedeu hai uns meses coa salvación e a Copa da Costa. "Espero que sexa a mellor ou das mellores tempadas a nivel persoal, a do ano pasado non estivo mal, ainda que fora metade en Segunda e a resto en Preferente, penso que estiven a altura do salto de categoría e finalmente conseguimos o obxetivo. Este ano vai ben encamiñado, practicamente temos o mesmo plantel, as cousas tan saíndo ben e o equipo está consolidado. De seguir este ritmo, será a mellor", explica o futbolista, que tivo un moi sinxelo proceso de adaptación. "Seguimos prácticamente os mesmos; teño que darlle as grazas a Geno pois para min foi e sigue sendo un gran apoio no equipo, así coma Fabio que ainda q tivo que marchar a traballar fóra antes de acabar, foi un pouco o que me facilitou a adaptación o novo equipo. A verdade que en xeral todos os compañeiros me acolleron ben", engade.
Pero, sendo oitavo e máis preto do ascenso que da permanencia, onde se pon o límite para o equipo de Iván Cancela? A piques estivo de ser o primeiro en superar ao Noia, e pasou por enriba de Paiosaco ou Arteixo, potencias sobre o papel moito maiores. "Amosamos o ano pasado que se poden facer cousas moi grandes. Nada menos que trinta e catro puntos en dezasete partidos, un Xallas que estaba último con oito puntos en xaneiro. Sendo serios e poñendo todo o que está do noso lado, non so non teremos problemas para mantenernos, senon que podemos pensar en estar arriba. Pero de momento penso que hai que ser cautelosos e pensar na permanencia que é o obxectivo do clube", lembra Róber.
Atrás quedou hai xa termpo aquel cartel de gran promesa da Costa. Sendo aínda Xuvenil, o ex do Conxo era xa unha realidade, moi superior no plano físico e capaz de multiplicar por moitos díxitos o rendemento dun conxunto como a Esteirana. Agora, no que parece unha plenitude 'Sénior', é o referente do que clasificatoriamente pasa por ser o mellor representante da Costa. O siloxismo é sinxelo: Róber Pladur está nun suposto olimpo de grandes futbolistas da zona, e nun razonamento meramente contractual, pode que no máis alto do pedestal. "Non sei se somos o mellor equipo, aínda que estamos nun bo momento, pero así como veñen as boas xeiras tamén veñen as malas", advirte. "O Soneira ten un bo equipo, e o Sofán é exemplo diso das xeiras; ten un equipazo; o Dumbría vai ascender sen problema, e con ese plantel podería estar en Preferente dando moita guerra", prosigue, nunha forma de evitar calquera tipo de auto adulación. "O de mellor ou peor xogador non o direi eu, para eso hai uns premios que van a votación; na Costa hai verdadeiros fenómenos como vimos na gala QPC 2016; gustaríame saír seleccionado… por que non?", matiza.
Parece que o traballo para o que fóra solicitado este superheroe con botas xa seu cumpriu unha vez e haberá outra. Normalmente, a historia acostuma a terminar cun retorno ao remanso de paz de Esteiro, cun fundido a azul e grana. "Desde logo, voltarei e con moitas máis forzas cas que marchei, e gustaríame vivir outro ascenso ca miña Esteirana, como xa puden pronosticar no pasado", anuncia. Pois que treman os outros proxectos.