A Olería Lista e Raposo Cárnicos, premiadas pola Deputación no Día Internacional das Mulleres Rurais

Valentin Gonzalez Formoso no Dia Internacional da Muller Rural

Fermosa homenaxe a que celebrou a Deputación da Coruña este pasado venres con 500 mulleres de toda a provincia para conmemorar o Día Internacional das Mulleres Rurais. Entre elas, moitas mulleres do eido rural como protagonistas para destacar “o traballo, moitas veces invisible pero incansable, das mulleres que contribuíron a construír a Galicia que hoxe coñecemos”.

A Olería Lista de Buño
foi recoñecida pola Deputacion

O primeiro recoñecemento da noite foi para Olería Lista, un taller familiar de olería tradicional de Buño (Malpica) que naceu en 1979 e no que Isabel Corral Garrido desenvolve, xunto a Xosé Antonio Añón, unha liña que combina tradición e innovación nas súas creacións.

Tamén se recoñeceu o traballo de Raposo Cárnicos, unha empresa de produtos cárnicos e embutidos tradicionais de Dumbría nacida a partir da necesidade de diversificación dunha explotación familiar agraria debido ás longas crises de prezos do sector lácteo.

Raposo Carnicos recibiu un detalle da Deputacion

Durante o discurso, o presidente da Deputación Valentín González Formoso lembrou que “malia o papel decisivo das mulleres na economía rural, seguen a vivir unha situación de desigualdade e precariedade laboral, pois só 6 de cada 10 cotizan nalgún sistema de protección social e os seus salarios son un 30% máis baixos ca os dos homes”. En canto á propiedade das explotacións, arredor do 35% das terras agrícolas galegas están en mans de mulleres. Unha cifra que, aínda que é claramente superior á media estatal, “segue a ser insuficiente” e “amosa que queda moito por avanzar”.

Fonte

  • Deputación.