A praia do Ézaro prepárase para herdar a súa multifesta

Tralo éxito dos Campionatos de España da pasada fin de semana, xa temos programa da XXVIII Festa da Praia de Ézaro, que se celebrará esta fin de semana de 2, 3 e 4 de agosto. Ollo que xa van 28 anos de festa, nos que ademais das actividades deportivas de primeiro nivel, o areal dumbriés acollerá festas de primeira orde.

A festa xa comeza o venres 2 de agosto a golpe de rockandroll cunha "noite Herdeira". I é que na Casa de Pedra, tocarán, en formacións distintas, iso si, Fran Velo con The Lakazáns; Antonio Novo “Tuchiño”, con Recambios Tucho e Tonhito de Poi, coa Banda de Poi. Así mesmo Javi Maneiro “ Jafuxo” ten previsto acudir, aínda que por problemas laborais, chegará algo tarde, polo que non se descarta que rematen tocando algunha mítica xuntos.

O sábado continúa a festa, con campionato galego de volei praia e maratón de fútbol praia pola tarde, para dar paso a Dj Rubén Martínez que abrirá a sesión noctura, que desta volta chega da man da orquestra America S.L. e Ciclón.

O domingo 4 amence con sardiñada popular de balde, e pola tarde haberá música, actividades para os nenos e deporte, moito deporte. Pola noite, porá o fin de festa a orquestra Estrellamar.

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).