Animan aos establecementos turísticos costeiros a acollerse ás axudas autonómicas
A delegada da Xunta, Belén do Campo, animou aos posibles beneficiaros a solicitar as axudas para o embelecemento do litoral dirixidas aos propietarios de establecementos de aloxamento e restauración, por concorrencia competitiva, e informou que o prazo de solicitudes ampliouse ata o 12 de decembro para facilitar que se presenten máis solicitudes. Esta iniciativa, está dotada con 5 millóns de euros, con carácter plurianual 25/26.
A representante do Goberno galego fixo estas declaracións durante a visita ao establecemento Casa Raúl, a primeira casa rural que abriu en Galicia, beneficiario deste tipo de axudas o que lle permitiu levar a cabo a mellora das súas fachadas grazas a unha achega da Xunta de máis de 17.000 euros. A actuación centrouse na fachada posterior, onde se levou a cabo a limpeza, lixado, sellado de gretas e pintado da superficie. Así mesmo, a delegada destacou a importancia da recuperación estética mediante a colocación de pedra natural nas mochetas das fiestras, unha actuación que —explicou— “permite manter a coherencia coa arquitectura rústica e preservar a identidade da edificación dentro da paisaxe rural”.
En relación coa fachada sueste, Belén do Campo puxo en valor a aplicación do Sistema SATE de 5 cm con malla de fibra, destinado a mellorar o illamento e optimizar a eficiencia enerxética do inmoble. “A rehabilitación non só embelece, senón que tamén contribúe ao aforro e ao confort, e é nesa dirección onde queremos seguir apoiando aos establecementos do sector turístico”, afirmou.
A obra tamén contemplou labores de lavado e encintado do paramento de pedra na fachada sur, así como a colocación de pedra natural nas zonas de bloque sen revestir das fachadas sur e noroeste. “Estas actuacións garanten un acabado homoxéneo, resistente e respectuoso coa tradición construtiva da zona”, sinalou.