Aparece un home de avanzada idade logo dunha noite desaparecido polos montes de Dumbría

Pasadas as 21 horas do pasado martes, a familia dun nonaxenario veciño da parroquia dumbriesa de Berdeogás poñíase en contacto co 112 para avisar da súa falta desde 18:30 horas, cando saíu ao seu habitual paseo. A partir de aí, activouse un operativo de busca coordinado pola Garda Civil e no que colaboraron os voluntarios de Protección Civil da vila.

Ademais, a primeira hora do mércores, estaba prevista a incorporación do equipo de drons da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), mais a localización do home sobre as 10:00 nun campo de millo próximo ao seu domicilio anulou a súa saída.

En xeral, o home presentaba un bo estado de saúde, malia a enfermidade que padece e algún síntoma de arrefriamento, polo que será sometido a unha revisión médica no centro correspondente.