As escolas dos Libros

Dúas das nosas escolas preferidas celebraron a pasada semana diferentes actividades arredor do Día do Libro. Un Maratón de Lectura do imprescindible “Principiño” e unha semana de visitas moi especiais foron as actividades no CEIP Os Muíños e no CEIP Santa Eulalia de Dumbría, dous dos centros que mellor coidan os libros de toda a bisbarra.

 

Maratón de emocións nos Muíños

Maratón de Lectura no CEIP Os Muíños arredor do Principiño

Os alumnos, o persoal e os pais e nais participaron activamente no maratón de lectura que o CEIP Os Muíños organizou o pasado venres 22 para conmemorar o Día do Libro. A obra escollida será "O Principiño de Antoine de Saint-Exupéry!, escollida durante este curso para profundizar o tema das emocións.Despois de pasar toda a mañá na Biblioteca, a conmemoración rematou no ximnasio coa lectura do último capítulo, e a entrega de diplomas aos máis lectores do ano.

Non perdan un exemplo de traballo sobre a obra de Saint-Exupéry, exposta no blog de 5º curso de educación primaria Que Sentes.

 

Unha Semana de Libro en Dumbría

Autores da Costa visitando a Semana do Libro do CEIP Santa Eulalia de Dumbría

Se na Galipedia definiran como debe ser unha Semana do libro, terían que poñer o exemplo do CEIP Santa Eulalia. Toda a comunidade educativa emprégase a fondo para celebrar, xa por sexto ano, esta Semana do Libro, na que creadores da bisbarra comparten as súas historias cos alumnos do centro.

O primeiro foi X.H. Rivadulla Corcón, que estivo o pasado luns na clase de 5º e 6º. O herculino-muxián falou sobre o seu libro “Soños de mar”, resolvendo tamén todas as preguntas que lle ía formulando o alumnado. Pola tarde era tempo de Miro Villar, que presentou o seu libro “A pantasma da casa da matanza” cunha exposición en Powerpoint, que resultou moi motivadora e atractiva para o alumnado.

O martes foi o turno de Concha Blanco, que estivo con 3º e 4º curso. Falou sobre o seu libro “Luces, bicos e cores”. Respondeu ás diversas preguntas dos nenos que versaron sobre distintos aspectos do mundo da literatura. O mércores foi o turno de María da Pontragha e Artur Trillo que fixeron de contacontos para os máis pequenos (Educación Infantil, 1º, 2º).

O xoves reservouse para a participación da Comunidade Educativa: pais/nais, mestres… que fixeron de contacontos para o alumnado. Unha das xornadas máis emotivas, vendo aos pais facendo de contadores.

Por último, o peche desta sexta edición correu a cargo de Rocío Leira cos nenos e nenas de 4º curso. Traballou con eles as distintas probas que aparecen no seu libro “Universo Pitágoras”.

Pais e nais contadores na Semana do Libro do CEIP Santa Eulalia de Dumbria  

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).