As escolas dos Libros

Dúas das nosas escolas preferidas celebraron a pasada semana diferentes actividades arredor do Día do Libro. Un Maratón de Lectura do imprescindible “Principiño” e unha semana de visitas moi especiais foron as actividades no CEIP Os Muíños e no CEIP Santa Eulalia de Dumbría, dous dos centros que mellor coidan os libros de toda a bisbarra.
Maratón de emocións nos Muíños

Os alumnos, o persoal e os pais e nais participaron activamente no maratón de lectura que o CEIP Os Muíños organizou o pasado venres 22 para conmemorar o Día do Libro. A obra escollida será "O Principiño de Antoine de Saint-Exupéry!, escollida durante este curso para profundizar o tema das emocións.Despois de pasar toda a mañá na Biblioteca, a conmemoración rematou no ximnasio coa lectura do último capítulo, e a entrega de diplomas aos máis lectores do ano.
Non perdan un exemplo de traballo sobre a obra de Saint-Exupéry, exposta no blog de 5º curso de educación primaria Que Sentes.

Unha Semana de Libro en Dumbría

Se na Galipedia definiran como debe ser unha Semana do libro, terían que poñer o exemplo do CEIP Santa Eulalia. Toda a comunidade educativa emprégase a fondo para celebrar, xa por sexto ano, esta Semana do Libro, na que creadores da bisbarra comparten as súas historias cos alumnos do centro.
O primeiro foi X.H. Rivadulla Corcón, que estivo o pasado luns na clase de 5º e 6º. O herculino-muxián falou sobre o seu libro “Soños de mar”, resolvendo tamén todas as preguntas que lle ía formulando o alumnado. Pola tarde era tempo de Miro Villar, que presentou o seu libro “A pantasma da casa da matanza” cunha exposición en Powerpoint, que resultou moi motivadora e atractiva para o alumnado.
O martes foi o turno de Concha Blanco, que estivo con 3º e 4º curso. Falou sobre o seu libro “Luces, bicos e cores”. Respondeu ás diversas preguntas dos nenos que versaron sobre distintos aspectos do mundo da literatura. O mércores foi o turno de María da Pontragha e Artur Trillo que fixeron de contacontos para os máis pequenos (Educación Infantil, 1º, 2º).
O xoves reservouse para a participación da Comunidade Educativa: pais/nais, mestres… que fixeron de contacontos para o alumnado. Unha das xornadas máis emotivas, vendo aos pais facendo de contadores.
Por último, o peche desta sexta edición correu a cargo de Rocío Leira cos nenos e nenas de 4º curso. Traballou con eles as distintas probas que aparecen no seu libro “Universo Pitágoras”.

Novas relacionadas
- Unha Semana de Libro.
- A bitácora da semana (CCLXXX): O que pasa no Cole.
- De Samaín no Cole de Dumbría.
- Un libro dixital de Dumbría dende os ollos dos nenos.
- Semana do Libro 2014: Aprender creando con mestres da casa.
- Semana do Libro 2013: Unha Semana moi literaria para os pequenos de Dumbría.
- Semana do Libro 2013: Aprendendo a disfrutar a arte de escribir de primeira man.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).