Dumbría e Muxía reciben axudas para a mellora de estradas
Vimos a semana pasada a listaxe de 80 estradas que serán melloradas este ano coas axudas da Deputación. Agora toca ir asinando os convenios e botando a foto de rigor. Onte foi o turno dos alcaldes de Dumbría e Muxía. José Manuel Pequeño e Félix Porto pasaron polo despacho do presidente Diego Calvo, para asinar o convenio que dá pé á mellora de varias estradas de ambos municipios.
No caso muxián, os 100.000€ de axudas servirán para executar traballos en Quinstáns, Baldomar, Buiturón, Sorna, Bardullas e Agranzón. Acondicionaranse as pistas e faranse traballos de roza, de perfilado de cunetas e de limpeza de talleas, ademais de renovarse o firme nas pistas en dirección á Raposa en Quintáns, na estrada de acceso a Baldomar, na que vai a Cruceiro en Buiturón e nos accesos ao lugar de Pariñas.
Por outra banda, en Sorna e Bardullas (A Toxeira) os traballos tamén incluirán un novo firme en diversas pistas.
En Dumbría, pola súa parte a achega é semellante e a mellora centrarase na mellora da seguridade viaria na estrada municipal de Olveiroa a Baíñas. Trátase esta dunha estrada moi transitada e con tráfico pesado que comunica o viario municipal AC-441 no lugar das Baíñas, en Vimianzo, coa provincial CP-3404 no lugar de Olveira, en Dumbría. Agora se intervirá sobre ela tras a firma do presidente da Deputación, Diego Calvo, co alcalde do municipio, José Manuel Pequeño, que admite que “houbo problemas coa seguridade viaria” deste trazado.
Novas relacionadas
- Obras en 80 estradas secundarias da zona.
- 3 millóns de euros para as obras do POS nos Concellos da bisbarra.
- As fochancas instálanse nas estradas das parroquias de Cee.
- Preguntando pola volta ás obras da Autovía.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).