O Concello de Dumbría comeza o verán cun múltiples ofertas deportivas e culturais

Ó longo da pasada semana remataron varias das actividades culturais que se desenvolvían desde o mes de outubro nas diferentes casas culturais do concello de Dumbría.

No caso dos nenos foron rematando as clases de apoio escolar, clases de inglés (96 nenos/as), cursos de informática (90 alumnos).
E no tocante ós adultos, foron pechando o curso as clases de informática (34 alumnos), os cursos de manualidades (80 alumnos), clases de ximnasia e aeróbic, taller de memoria e o taller de técnicas de busca de emprego.

Novas actividades

Pero a actividade non para no concello dumbriés. Para clausurar as actividades dos máis pequenos, organízase unha festa de fin de curso o vindeiro 28 de xuño en Ézaro, na que haberá xogos na praia e tamén unha xornada de circo, na que os pequenos participarán en talleres de malabares, acrobacias, clown, etc. Haberá servizo de autobús para recoller ós nenos polas parroquias. Para participar é necesario cubrir unha ficha de inscrición que poderán atopar nas oficinas municipais e nas casas culturais ata o día 21 de xuño.

Exposición de manualidades

Do 15 ó 19 de xuño permanecerá aberta a exposición dos traballos que os alumnos das clases de manualidades realizaron ó longo deste curso. Será no Centro Social de Dumbría, de mércores a venres de 10 a 14 h e de 16 a 20 h.; e sábado e domingo de 10 a 13 h.

Escolas culturais

Por outra banda, xa está aberto o prazo de inscrición para as escolas culturais e deportivas de verán. As actividades desenvolveranse na piscina municipal e nas instalacións anexas do Conco (Dumbría). Haberá cursos de natación para adultos e nenos/as. Haberá servizo de bus para recoller polas parroquias ós nenos/as que acudan a estes cursos, que ó mesmo tempo participarán en talleres didácticos, xogos populares, deportivos e de mesa, manualidades,...

As instalacións contan con biblioteca e acceso a internet. O prazo de inscrición remata o 26 de xuño.

Viaxe

Ademais, o Concello organiza unha viaxe dirixida a tódolos veciños e veciñas do concello de Dumbría na que se visitará Cedeira, San Andrés de Teixido, Sada,... Esta saída terá lugar o sábado, 9 de xullo. As prazas son limitadas e o prazo de inscrición remata o 1 de xullo.

Novas relacionadas