Santa Comba ten novo punto de información turística da man do Obradoiro de Emprego

A alcaldesa de Santa Comba visitou o punto de información turístico xestionado polo Obradoiro de Emprego

Fantástica a iniciativa do obradoiro de emprego Proturismo2017 creando un punto de información turística en Santa Comba. Un xeito de poñer en práctica os coñecementos adquiridos ao longo da súa formación á vez que visibilizar a oferta turística do concello.

E a primeira en visitalo foi a alcaldesa do Concello de Santa Comba, Mª Josefa Pose Rodríguez, que xunto ca directora do Obradoiro, Anabel Piñeiro, comprobaron o bo funcionamento da mesma. As alumnas Cecilia Andrade e Lorena Pais transmitiron a súa satisfacción xa que durante a mañá se recibiron varias visitas interesándose polo servizo de atención turística.

O lugar do emprazamento desta oficina será o coñecido Pazo de Santiso, edificio histórico que na actualidade exerce de museo e que alberga parte das testemuñas culturais, relixiosas e sociais do concello xalleiro. A oficina estará aberta ao público todos os luns de 10:00 a 14:00, e ofertará visitas guiadas polo Pazo e servizos de atención ao visitante, ofrecendo información presencial e telefónica sobre a oferta turística de Santa Comba e dos concellos da contorna, incluíndo recursos naturais, culturais e de ocio.

Mentres os alumnos-traballadores da especialidade Promoción turística local e información ao visitante do obradoiro de emprego Proturismo2017, promovido polos concellos de Santa Comba, Mazaricos e Dumbría e subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, xa están a deseñar un programa de actividades a levar a cabo no Pazo do Santiso durante a vindeira Semana Santa.

 

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).