21 meses de prisión para un acusado de vender droga en San Martiño de Abaixo

A Audiencia Provincial da Coruña vén de condenar a 21 meses de cárcere a un acusado de vender droga no lugar de San Martiño de Abaixo, en Fisterra.

Todo parte do 22 de marzo de 2020, cando o sospeitoso foi interceptado por axentes da Garda Civil nun lavadoiro próximo ao cemiterio do lugar de San Martiño de Abaixo, onde quedara cun comprador. Os funcionarios rexistraron a ambos. O investigado, segundo consta na resolución, portaba 19 envoltorios de plástico, dos cales 18 contiñan heroína e, o restante, cocaína, os cales alcanzarían no mercado ilícito un valor de ao redor de 174 euros.

Pola súa banda, o cliente levaba 170 euros en efectivo. O tribunal destaca que o feito de que o condenado portase a droga distribuída en bolsas de pequeno tamaño, así como que a persoa coa que se citou tivese unha suma de cartos “case coincidente co valor en que se taxou a droga”, descartan que a substancia intervida fose para autoconsumo.