Alternativa modificará a RPT do Concello de Fisterra para legalizar o servizo de urbanismo
Atopouse o grupo de Alternativa dos Veciños ao chegar ao poder no Concello de Fisterra, que as funcións de arquitectura e urbanismo están sendo realizadas dende 2018 por “un arquitecto contratado mediante procedemento ilegal, que factura 3.000€ ao mes por traballar dous días á semana". Unha situación “dunha gravidade terrible” para o grupo de goberno, que buscará realizar unha modificación da RPT para crear o novo posto de Arquitecto Municipal e así, as funcións de arquitectura e urbanismo pasaran a ser desempeñadas por persoal propio, funcionario de carreira, suxeito a un horario semanal de 37,5 horas.
”O servizo urbanístico debe ser prestado por un funcionario público pois, algunhas das súas funcións implican, cando menos, salvagardar os intereses xerais e, en todo caso, nas de inspección urbanística, os feitos que constaten gozan de presunción de veracidade, tendo a consideración de axentes da autoridade, e iso só é posible tendo a condición de funcionarios públicos”, apunta o responsable local e asesor de Alternativa dos Veciños na Deputación, Juan Francisco Martínez.
“Esta situación débese liquidar de inmediato, xa que durante anos, os diferentes funcionarios de secretaria-intervención, con motivo da aprobación dos anexos de facturas, veñen reiteradamente alertando sobre a irregularidade na prestación dos servizos de urbanismo.
Martinez agradece aos Servizos da Deputación e ao Deputado Provincial e Presidente de Alternativa dos Veciños, Ángel García Seoane, por todo o apoio, asesoramento e axuda para poder sacar ao municipio de Fisterra da grave situación na que se atopa”.