Alternativa dos Veciños presentará candidatura en Fisterra

Coñecemos este mediodía unha nova candidatura para as eleccións municipais do vindeiro 28 de maio en Fisterra. O grupo Alternativa dos Veciños anuncia, sen dar por agora, nomes concretos, que vai presentar lista.

O grupo, nado en Oleiros onde Gelo Seoane leva gobernando dende 1987, leva unha década ampliando a súa representación na Deputación. Nese marco, o grupo preséntase con este comunicado:

Atendendo á complexa situación na que se atopa o municipio de Fisterra, como consecuencia de xestións nefastas ou de nulas xestións, que orixinaron décadas perdidas en canto a crecemento, desenvolvemento e avances do municipio, Alternativa dos Veciños tomou a decisión de presentarse as próximas eleccións municipais para volver situar a Fisterra onde se merece.
Queremos deixar claro dende un principio, que nos presentamos as eleccións porque fomos quen de construír un proxecto e xuntar a un grupo de persoas honradas, humildes e traballadoras, xa que de non ter sido capaz de conseguir isto, Alternativa dos Veciños nunca se chegaría a presentar. Citamos isto, xa que sacar a Fisterra da situación na que se atopa na actualidade non é un reto sinxelo, pero ter un horizonte fará mais fácil a travesía.
Con toda a humildade, pensamos que o Concello de Fisterra necesita urxentemente un cambio de rumbo, para poder reverter as malas políticas que se veñen facendo e que tanto dano causaron ao municipio e ao conxunto da veciñanza.
Alternativa chega a Fisterra con animo de unir, de construír un proxecto onde teñan cabida todos os fisterráns e fisterrás e, por suposto, coas ganas e a ilusión de cambiar e mellorar Fisterra.

Máis novas das eleccións