As bravas camiñantas dixitais da aula CeMIT de Fisterra

Singular proxecto que desenvolve Alicia López na Aula CeMIT do Concello de Fisterra. Baixo o lema “Tecnoloxías dixitais para as persoas maiores e o envellecemento saudable” a Asociación Somos Digital puxo en marcha unha actividade lúdico-formativa de carácter colaborativo para fomentar a unión entre camiñar e a utilización de ferramentas dixitais. Chámase “Camina en digital para sumar años saludablemente”, e son 5 as aulas CeMIT de toda España que participan percorrendo máis de 750 km do Camiño de Santiago.

Unha delas é a aula fisterrá. Os seus comprometidos usuarios, miden as súas andainas diarias e comparten coa persoa responsable do centro, no caso fisterrá Alicia, os km. percorridos mediante unha captura de pantalla. Estes datos son trasladados a unha plataforma dixital e fan avanzar o centro na súa andaina a Santiago de Compostela. Para completar o Camiño teñen como data límite ata o 18 de maio, e a pesar de comezar a introducir datos un pouco máis tarde que o resto de centros, tendo en conta o rápido avance do grupo ben seguro que chegarán a destino antes da data tope para facelo.

”Trátase, pois, dunha actividade satisfactoria en tódolos sentidos”, explica Alicia, “porque ademais do ben físico que produce camiñar, tamén de forma colateral practican o uso das novas tecnoloxías (GPS, apps que miden distancias, capturas de pantalla, uso de mensaxería móbil, cámara de fotos…)”.