A Casa das Peritas abre as portas culturais de Mallas
Máxica Semana Santa a que viviu a familia da Casa das Peritas, esa casa de aldea do século XIX rehabilitada, que Natasha Lelenco e Tomás Lijó convirten nunha vagardista Galería Ocasional varias veces ao ano. Foron moitas as cousas que pasaron tanto na Casa como noutros puntos da aldea, e mesmo do concello fisterrán, despois da emotiva inauguración.
O principal foco de atracción foi a exposición colectiva “Corpos”, que reflexiona sobre os corpos que habitamos e que nos habitan, abordando un tema central na historia da arte desde a mirada contemporánea dos artistas participantes e desde as linguaxes da escultura expresionista de Aldonza, a abstracción vitalista de Llou ou a ollada ao corpo da muller de Inés Silvade ou os monicreques de Borja Ínsua”.
Pero a Casa saíu fóra dos seus muros, e mesmo das fronteiras de Mallas. O mércores, a actividade trasladouse á Praza do Campo, onde Borja Insua levou os seus Títeres Alakrán á praza onde xogaba de cativo. Un evento moi especial que trata de recuperar un espazo vivo da aldea, onde antes acontecían as cousas.
Outro era a Fonte do Lavadoiro, onde a cantautora Marián, acompañado dunha acción performativa coas esculturas de Óscar Aldonza, ía realizar o seu concerto na tarde do sábado. Finalmente non puido ser polo tempo e o concerto realizouse na capela de Mallas, que por primeira vez abriu as súas portas para un evento cultural destas características, ofrecendo un marco absolutamente singular e cargado de simbolismo para esta proposta artística.
Os Corpos de Óscar Aldonza na Langosteira
Non faltaron os “Corpos” de Óscar Aldonza no concerto de Marián, pero é que esa mesma mañá de sábado, foron protagonistasda intervención efémera “Náufragos” na praia Langosteira. Os poucos veciños e paseantes que percorreron a área foron testemuñas dunha acción artística efémera: numerosas cabezas de cerámica, esculpidas polo escultor compostelán Óscar Aldonza, emerxeron entre a area e as ondas á medida que baixaba a marea.
A instalación, bautizada polo autor como “Náufragos” de carácter sorpresa e temporal, formou parte das accións complementarias da exposición "Corpos" que se desenvolve esta semana na Casa das Peritas. A peza, que apenas permaneceu visible durante unha hora antes de ser recollida, foi concibida polo seu autor como un poema visual ao mar e aos seus misterios e unha homenaxe aos náufragos que ao longo da historia alimentaron o mito da Costa da Morte.
A acción insírese na filosofía da Casa das Peritas, que aposta por activar procesos de creación contemporánea desde o rural, artellando propostas que integren a natureza, a memoria do lugar e a comunidade.
"Pensamos a arte non só como exhibición, senón como unha forma de habitar, intervir e dialogar co territorio," sinalou Natasha Lelenco, comisaria da exposición. "Esta acción conecta directamente co espírito do proxecto: propoñer experiencias únicas, enraizadas no contexto e abertas á sorpresa, modestas e fugaces pero intensas”. A intervención, salientan, funciona como recordatorio da impermanencia e da relación íntima entre o ser humano e a natureza, temas que atravesan toda a mostra Corpos.
Pecha así de novo a galería ocasional e volve a Casa das Peritas a converterse en espazo de traballo para os seus habitantes, mentres a comarca volve esperar a frescura das súas iniciativas.