A Casa das Peritas abre as portas a toda clase de Corpos

Unha das visitas máis singulares da Semana Santa da Costa da Morte está na aldea de Mallas, Fisterra. A Casa das Peritas está a pleno rendemento convertíndose nun foco creativo comarcal. Esta casa de aldea do século XIX rehabilitada no ano 2012 como vivenda, espazo de traballo e espazo cultural pola artista Natasha Lelenco e Tomás Lijó, transfórmase, en datas sinaladas, nunha vagardista Galería Ocasional.
Este domingo 13 tivo lugar a inauguración da exposición colectiva que, baixo o nome de “Corpos”, que poderá visitarse ata o vindeiro domingo, todos os días entre as 11:00h e as 14:00h e as 17:00h e as 21:00h.
A inauguración contou coa presencia de cerca dun cento de visitantes e veciñas e vecinos da zona, e incluíu a primeira visita guiada a unha proposta que, segundo Natasha Lelenco, a súa comisaria “reflexiona sobre os corpos que habitamos e que nos habitan, abordando un tema central na historia da arte desde a mirada contemporánea dos artistas participantes e desde as linguaxes da escultura expresionista de Aldonza, a abstracción vitalista de Llou ou a ollada ao corpo da muller de Inés Silvade ou os monicreques de Borja Ínsua”.
Tomás Lijó destacou na presentación que “esta é a sétima acción que realizamos desde que comezamos esta aventura no ando 2017, como acción ocasional que permita achegar á Costa da Morte propostas artísticas de calidade, pensadas con e para a comunidade local”.
A exposición ocupa as dúas plantas da casa e expándese ademáis fora dela cunha instalación escultórica que ocupa os máis de 100 metros cadrados do xardín.
A programaciónm en colaboración co Concello de Fisterra, buscará reivindicar espazos escénicos a Praza do Campo, que acollerá o mércores 16, o espectáculo Barriga Verde de Tïteres Alakrán; ou o Lavadoiro da Fonte que o sábado 19 vivirá concerto de Marián.

Emocionante o relato de Borja Insua, encantado de volver á praza onde de pequeno viu actuar a Farruco. Para Borja xa é unha gran oportunidade poder facer unha función na súa casa (é veciño da aldea veciña de Vigo) e faille ademais unha ilusión tremenda recuperar un espazo como a eira central da vila.
O programa completo pode consultarse na web www.casadasperitas.com.