Entre Mar e Terra: O consumo de legumes na Costa da Morte

O consumo de carne e peixeo é o ABC da alimentación na nosa terra. Recordo con agarimo os cocidos que me facía miña avoa e teño presente que tanto na miña familia e na de tantas familias que acuden a consulta, nunca falta carne ou peixe de todo tipo de variedade. Incluso cando se fan pratos con lentellas, garbanzos ou fabas, sempre hai algún cuxote de polo, panceta ou chourizo.

Hoxe non veño a falar mal da carne ou do peixe, o meu único propósito é concienciar á xente para que inclúa na súa alimentación proteína vexetal a partir de garbanzos, lentellas, fabas, soia ou derivados. Quen me seguen en @oliver.science saben que son moi pesado con isto, pero ten un motivo. É moi raro que nesta zona unha persoa consuma estas legumes mencionadas de forma habitual, o cal dame pena, xa que estamos a falar de posiblemente o grupo de alimentos máis importante para a saúde.
Non só iso, senón que en Galicia somos produtores de legumes, temos incluso o exemplo da Faba de Lourenzá, proveniente de Lugo, de denominación protexida. Ou máis preto, en Coristanco, temos á Despensa d'Lujo, toda unha referencia en Galicia.

Por que as legumes son tan importantes para a nosa saúde? Son unha gran fonte de fibra, proteína e micronutrintes, e o seu consumo é fundamental para a nosa saúde a longo prazo. Cando nas investigacións se estuda o efecto do consumo de proteína vexetal diario, vese unha menor incidencia de enfermidade cardiovascular (primeira causa de morte en occidente), menor incidencia de diferentes tipos de cáncer e outras enfermidades. Anímovos a todos a probar receitas frescas agora que se acerca o bo tempo, xa veredes que a vosa saúde e paladar o agradecen!

  • Óliver Sambad (Fisterra). Dende sempre, a miña paixón é contribuír á saúde das persoas e axudalas a levar un mellor estilo de vida e acadar a súa mellor versión. É por iso que me graduei en Nutrición Humana e Dietética na Universidade de Santiago de Compostela, e teño como obxectivo, escribindo en Quepasanacosta, achegar o meu gran de area para que a miña xente teña acceso a información fiable sobre como seguir un estilo de vida saudable, nunha época na que existe tanta desinformación que pode comprometer a saúde das persoas.

Máis artigos de Óliver Sambad