mércores. 04.12.2024
El tiempo

Entre Mar e Terra: A Costa da Morte e a Dieta Atlántica

Oliver Sambad nutricionista Fisterra
Entre Mar e Terra: A Costa da Morte e a Dieta Atlántica

Costa da Morte é un lugar especial non só polo seu encanto paisaxístico e cultural, senón tamén pola súa riqueza alimentaria, que representa un dos patróns nutricionais máis saudables: a dieta atlántica. A dieta atlántica é típica das zonas que bordean o océano Atlántico e Galicia é un dos seus máximos expoñentes. Este tipo de alimentación, menos coñecida que a dieta mediterránea, ofrece un enfoque nutricional baseado en alimentos frescos e locais, ideais para manter un corazón saudable e previr numerosas enfermidades.

A dieta atlántica estrutura a súa base en ingredientes de proximidade como o peixe, os mariscos, as legumes e verduras de tempada, os cereais integrais e os lácteos artesanais. Estes alimentos son ricos en nutrientes esenciais, como proteínas de alta calidade, ácidos graxos omega-3 e fibra. Na Costa da Morte, debido á longa tradición pesqueira da zona, o peixe é o verdadeiro protagonista.

Peixes como o a sardiña ou o xurelo aportan non só sabor, senón tamén nutrientes esenciais como omega-3, que está relacionado a unha mellor saúde cardíaca. E outros tan comúns da zona como a lubina e a dorada tamén se erixen como boas opcións proteicas para o noso prato.

Non obstante, esta dieta vai máis aló dos peixes e mariscos; tamén inclúe cereais integrais, como o pan de millo ou o de trigo, ademais de legumes que se posicionan como unha excelente fonte de proteínas e fibra. Na Costa da Morte, as verduras locais e de tempada, como grelos, nabizas, repolos ou berzas, entre outras, achégannos antioxidantes, vitaminas e minerais esenciais que protexen o organismo dos danos celulares e de diversas patoloxías, erixíndose como a fonte alimentaria máis importante para o correcto funcionamento e saúde do noso corpo. O uso de aceite de oliva virxe extra, típico en Galicia, aporta á dieta atlántica as graxas saudables necesarias para a saúde cardiovascular.

En termos de saúde, a dieta atlántica demostrou ser unha aliada importante na prevención de enfermidades cardiovasculares, que son a primeira causa de mortalidade no noso país. Isto débese a que favorece unha boa saúde vascular e reduce a inflamación, grazas ás súas á elevada presenza de fibra na dieta. A Fundación Española do Corazón, entre outras institucións, avala esta dieta como unha alternativa saudable que, ademais de mellorar o estado do corazón, tamén ten efectos positivos sobre a saúde dixestiva e metabólica. A súa diversidade de alimentos ricos en nutrientes e antioxidantes, que axudan a previr o envellecemento prematuro e a manter un peso saudable é o principal aval deste patrón alimentario.

Na Costa da Morte, a dieta atlántica non só é un estilo de alimentación, senón unha tradición que honra os recursos naturais e o traballo das comunidades pesqueiras e agrícolas. O contacto próximo co mar e a terra permite que os habitantes teñan acceso directo a alimentos frescos e sen procesar, un aspecto que fai desta dieta unha opción natural e respectuosa co medio ambiente. Consumir produtos locais non só apoia a economía da rexión, senón que tamén promove unha alimentación máis saudable e consciente.

Para as persoas que desexan incorporar a dieta atlántica, é sinxelo comezar con pequenos cambios: incluír peixe fresco varias veces por semana, incorporar verduras de tempada ás comidas diarias, optar por lácteos naturais e preferir os métodos de cocción sinxelos, como á prancha ou ao forno.

Estes métodos conservan os nutrientes dos alimentos e realzan seus sabores, algo fundamental para apreciar a autenticidade dos ingredientes.

A dieta atlántica na Costa da Morte representa moito máis ca un patrón alimentario; é un patrimonio cultural e unha forma de vida que conecta saúde e tradición, ofrecendo un estilo de alimentación que nos achega á natureza e que celebra o mellor de Galicia e da Costa da Morte.

  • Oliver Sambad (Fisterra). Dende sempre, a miña paixón é contribuír á saúde das persoas e axudalas a levar un mellor estilo de vida e acadar a súa mellor versión. É por iso que me graduei en Nutrición Humana e Dietética na Universidade de Santiago de Compostela, e teño como obxectivo, escribindo en Quepasanacosta, achegar o meu gran de area para que a miña xente teña acceso a información fiable sobre como seguir un estilo de vida saudable, nunha época na que existe tanta desinformación que pode comprometer a saúde das persoas.

Comentarios