Eliminan un punto de vertido de augas residuais ao río de Sardiñeiro

Quedou eliminado un punto de vertido de augas residuais no río Sardiñeiro, no concello de Fisterra. O persoal do Plan de Control de Vertidos, de Augas de Galicia, localizou este punto no transcurso dos labores de control do río a raíz de incidencias notificadas polos técnicos de Sanidade.

Tratábase dun tramo da rede de sumidoiros conectado á rede de pluviais que desaugaba no río de Sardiñeiro, baixo o tramo canalizado da rúa Coruña e augas arriba da súa desembocadura no areal do Sardiñeiro.

A Xunta, de xeito inmediato, notificoulle esta situación ao Concello de Fisterra para que procedese á adopción das medidas necesarias para emendar o aporte de contaminación. Posteriormente, os técnicos autonómicos realizaron unha nova inspección na que verificaron que as actuacións acometidas permitiron deixar a rede de pluviais libre destas achegas contaminantes.

Novas relacionadas