Enredando Fisterra, tecendo un espazo para “Compartir”

Encontro deste sábado no Enredando Fisterra

Esta fin de semana foi un punto de inflexión para o colectivo Enredando Fisterra. O encontro realizado este sábado no local da rúa Ara Solis, 46, con presenza de xentes de Carnota, Fisterra, Muxía, Camelle ou Negreira, demostrou o potencial deste proxecto ideado dende a idea de “compartir a maxia do Camiño”.

Xa teñen participado no Entroido de Verán, no mercado de Nadal, pero a idea das persoas que coidan este espazo a base de traballo colaborativo (unha ferrolá, unha de Huesca, un italiano, un madrileño, un coruñés… xente en todo caso que vai rotando, pero que “eliximos vivir aquí”) é “tecer unha rede” coa xente que ten gañas de facer cousas na comarca. E parece que a rede se vai tecendo, con moitas gañas de conseguir inserirse no seo da sociedade fisterrá e do resto da comarca.

Levan 4 anos facendo cousiñas, sempre vinculadas á maxia do Camiño. “É tan marabilloso o que pase nos albergues, a enerxía que se xenera, que a nos aintención é poder abrilo a toda a veciñanza e que ese coñecemento, esa sabedoría, esa cultura dos peregrinos que pasan por aquí, incida verdadeiramente na comarca”, explica Verónica. “A Costa da Morte está aproveitando economicamente o Camiño, pero cremos que ten que aproveitarse culturalmente dese potencia, ese coñecemento, esas experiencias de xentes de todo o mundo con mentalidades abertas para compartir”.

O espazo trata de servir de lugar para que os peregrinos fagan a “integración” e a “transformación” do seu camiño, e que poidan amosar as súas historias inspiradoras e transformadoras.

Para iso, ofrecen o seu espazo cultural, unha necesidade na vila, con actividades inmediatas, espontáneas, dada a condición efímera de moitos deses peregrinos singulares, Así, cómpre estar atentas ás redes de @enredandofisterra porque da mañá á tarde poden acoller cousas que te cambien a vida.