O escritor fisterrán Asier Fraga presenta en Cee a súa distopía ‘Cuando los sueños hablan’

A distopía máis global, a do acceso aos soños do ser humano e ao uso interesado e manipulador dos mesmos terá protagonismo absoluto na cita cultural programada para este venres, 24 de abril, en Cee. Case en coincidencia co Día Internacional do Libro -conmemorado en todo mundo cada 23 de abril- e dentro da “Semana do Libro en Cee”, a Biblioteca Pública Municipal “Francisco Mayán” acollerá a presentación de ‘Cuando los sueños hablan’, a ópera prima do escritor fisterrán Asier Fraga.

Como era lóxico, a presentación ao mundo desta novela -saíu da imprenta o pasado novembro- tivo lugar en Fisterra, terra natal do seu autor, nun emotivo acto organizado polo Concello. O novelista estivo acompañado do escritor Modesto Fraga e de Roberto Traba, que representa como poucos a fisterranía. Agora será o público de Cee, localidade coa que ten tamén un estreito vínculo, o que poderá coñecer ao autor e mergullarse no seu desbordante universo creativo.

A novela trátase dun thriller psicolóxico e tecnolóxico no que o autor obriga aos lectores a transitar por un escenario incómodo: que pasa cando o poder ten acceso aos soños e úsaos para manter o control? Seica o individuo xa non posúe ningún mínimo recodo de intimidade, ou de liberdade e independencia, nin sequera no inconsciente? Seica non hai ningunha parte do ser humano inaccesible, esencialmente privada? O encontro entre o autor e o seu público, e a posterior firma de exemplares, terá lugar ás 19.45 horas. Nesta cita literaria Asier Fraga estará na compaña da escritora e directora teatral Marina Gómez Pose e de Sara Rodo, bibliotecaria municipal de Cee.

Asier Fraga é docente de Educación Primaria, unha profesión que lle apaixona. Como tamén a escritura. “Comecei a escribir ‘Cuando los sueños hablan’ tras a morte repentina do meu pai, e permitiu evadirme; sempre me gustou escribir, contar historias orixinais, de suspense. Abordar a manipulación dos soños, vendo todos os avances que xa están en uso, non parece sequera unha distopía futurista…”, explica o autor, que optou pola edición independente a través da colección “Ecos Dixitais”.

‘Cuando los sueños hablan’ está escrito en primeira persoa e en tempo presente, co obxectivo de que o lector poida vivir con Adri, o protagonista, todos os acontecementos desde a súa mirada directa e íntima. E sentir, xunto a el, a tensión en tempo real. Con el deambulará polo mundo de Synapse Dreams, a empresa que grava e analiza soños e accede á verdade mentres todos dormen. O descubrimento de arquivos secretos cos soños de políticos, artistas e líderes mundiais converterá a vida do protagonista nun pesadelo. Asomarase, sen querer, a segredos que non debería coñecer, e comprobará que a peor versión do ser humano non está nos seus actos, por perversos que estes sexan, senón nos soños.