Fisterra propón un Verán Cultural con máis de 20 citas singulares

Menudo verán que se albisca en Fisterra. A veciñanza vai apuntando no calendario as citas singulares para ir gozando da época máis amena do ano. Máis de 20 actividades singulares se perfilan para estes meses de xuño, xullo e setembro na vila do Cristo da man do Concello.

O programa celebrará por todo o alto o San Xoán, coa sempre esperada estrea da Escola Municipal de Teatro na noite do sábado 20, que se pechará coa Lumarada dos Rapacollóns, como previa ás Festas de San Xoán de Sardiñeiro.

O programa trae cine na rúa, teatro, baile social, concertos… e citas concretas como o Entroido de Verán (o sábado 11 de xullo); a Festa do Longueirón (o 1 e 2 de agosto), ou as Festas do Carme de Sardiñeiro (o 7 e 8 de agosto).