Fisterra resucitou ao Cristo “máis tradicional”

Procesión do Santo Encontro na Semana Santa de Fisterra

Así se viviu a Semana Santa en Fisterra, recordaron “o Cristo de hai moitos anos” como comentaban moitos maiores, estes fermosos días de sol. Porque o bo tempo, para unha celebración coma esta onde todo transcorre ao aire libre, é todo. Máis que o bo tempo, non ter que pensar nel (pasan un mes mirando as predicións), permite que os 12 actos (as 7 procesións incluídas) que se viven na Semana Santa da vila do Cristo, sexan máis vivas pero tamén máis solemnes e respectuosas.

A Semana Santa de Fisterra é unha das citas que mellora marida fe, liturxia e etnografía, coa troula das verbenas. Unha cita que ademais é unha das celebracións con maior implicación social ten en toda a comarca, porque a Xunta de Confrarías contabiliza preto de 2.000 persoas implicadas directamente co evento, nun pobo de 4.900. “É difícil atopar unha celebración tan numerosa, con tanta implicación que dure tantos días”, valora un orgulloso e agradecido Javi Trillo dende a Xunta Directiva da Xunta de Confrarías, unha comisión formada por 10-11 persoas que son os responsables da organización dos actos litúrxicos pero tamén dos verbeneiros.

Todo para conseguir que Fisterra sexa o centro da Semana Santa en Galicia, conseguindo un cheo total para abrir unha temporada hostaleira e turística coa mellor das previsións. “Todo un 10, verdade, apoteósico”, califica Trillo.

O Venres das Dolores, o Desencravo ou o Santo Encontro son algunhas destas citas que demostran a “calidade”, a solemnidade, o respecto, a implicación… das nosas procesións. Cada detalle foi coidado ao milímetro, como esas palmas que levan os nenos de confirmación o Domingo de Ramos, ou a árbore do paso do Xoves Santo… non pasaron nada por alto dende a satisfeita Xunta de Confrarrías, que valora ademais a puntualidade de todas as citas e a falta de sucesos estranos. Ata nas verbenas das Festas do Cristo, que estiveron petadísimas, pero nas que non houbo incidentes (aínda queda a noite do luns, a formulada para as xentes da casa xa sen visitantes, esta noite con La Bamba.

A Resurrección

Pero sen dúbida a representación da Resureccion de Cristo na mañá dominical, “é o día máis importante para a Vila do Cristo”, como recoñecida Miguel, o actor do Santiago Apóstol, na importante retransmisión en directo na TVG.

Gran acollida viviu a zona da Igrexa de Santa María das Areas para ver o acto de escenificación. O son, os persoeiros, as pombas, o tempo (nin vento facía)… todo ideal para vivir unha representación magnífica.

Dende a Xunta queren reiterar o seu agradecemento a todas as Directivas das Confrarías, ás personaxes vivintes, aos dous coros parroquiais, aos sacerdotes e ao Pai Britto pola súa implicación, colaboración, e a capacidade de facilitar as cousas, ás colaboradoras da parroquia, que fan moitísimo traballo, ademais de, como non, Policía Local, Protección Civil, ao propio Concello de Fisterra e a Xunta Directiva da Xunta de Confrarías!

Máis novas