O Mercado Cultural de Fisterra acolle este martes un espectáculo musical de homenaxe a Santalices

O espectáculo "Santalices. O legado" continúa a súa itinerancia e presentará a súa próxima función o martes 30 de decembro ás 18:00 h no Mercado Cultural de Fisterra, no marco da campaña Nadal en Rede, promovida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia para levar propostas culturais en galego por toda a xeografía galega durante as festas.

A cargo de Verónica Santalices, Federico Welicki e un elenco de grandisimos músicos do país, “Santalices. O legado” é unha homenaxe musical e narrativa á figura do gaitero, zanfonista, lutier e investigador Faustino Santalices Pérez (Bande, 1877 – Madrid, 1960), recoñecido polo seu labor na recuperación da música tradicional galega e pola preservación de pezas fundamentais da nosa tradición sonoro-musical. A través de narracións, interpretacións instrumentais e arranxos actualizados, a produción propón unha experiencia viva que conecta pasado e presente.