Novos embarques colaborativos desde Fisterra para observar e estudar cetáceos
A Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), coa colaboración da Deputación, organiza unha nova serie de embarques desde Fisterra para observar, identificar e estudar golfiños e outros cetáceos nas costas galegas.
As expedicións parten do porto de Fisterra e percorren a contorna da ría de Corcubión e do cabo Fisterra a bordo da embarcación A Munis. Durante unhas tres horas, as persoas participantes colaboran no rexistro de avistamentos e na toma de fotografías das aletas dorsais dos cetáceos.
Estas imaxes permiten identificar cada animal de forma individual e facer un seguimento da súa presenza, dos seus movementos e da evolución das poboacións, mediante unha técnica que non causa ningún dano aos exemplares.
Antes de saír ao mar, as persoas participantes reciben formación sobre os cetáceos presentes no litoral galego e sobre os protocolos de actuación ante o varamento dun mamífero mariño.