O Concello fisterrán solicita melloras no Camiño peregrino
Continúan en marcha as obras da senda peonil ata o Faro que terán que estar rematadas antes de que remate o mes. Pero non é o único punto negro do Camiño de Santiago no termo municipal de Fisterra. De feito, o Concello ponse mans á obra con outros puntos conflitivos.
Así, a área de mobilidade e xestión da policía local do Concello de Fisterra, dirixida polo Tenente Alcalde 1º, Xan Carlos Sar, dirixiu un escrito á Xunta como titular da estrada AC-445, informando que son precisas actuacións de mellora da seguridade viaria para peóns, en varios puntos quilométricos desta estrada AC-445, nos treitos de Sardiñeiro, Talón e na recta da Anchoa-Escaselas xa na entrada en Fisterra.
Dende A estrada AC-445 ao seu paso por Sardiñeiro comparte recorrido cun dos treitos finais do Camiño de Santiago. As primeiras curvas de entrada na travesía coinciden con interseccións de paso de peregrinos , con mala visibilidade e que constitúe un recoñecido punto de risco para a seguridade viaria destes camiñantes, así como para os vehículos. O Concello comunica que se estima oportuno desprazar uns metros un dos pasos de cebra existentes a efectos de mellorar a seguridade viaria dos peregrinos, dado que estes na súa maioría atravesan a estrada por un lugar sen sinalizar e no que xa se teñen rexistrado incidentes.
Tamén no lugar da Anchoa e Escaselas, xa próximo á entrada na vila de Fisterra existe unha travesía de máis de un quilómetro que supón un dos puntos negros viarios de Fisterra, que atravesa varias urbanizacións e moi concorrida por peóns, sobre todo no verán, sendo o habitual que os vehículos circulen a máis velocidade do aconsellable, a pesar de existir sinais de advertencia.
Tamén nas curvas de Talón, naqueles treitos onde o Camiño se cruza por varias veces a ámbolos lados da estrada, comunícaselle á Área de Seguridade Viaria da Xunta que se aprecia necesario dotar de sinalización vertical que recorde aos condutores que circulen con precaución, ao manter está vía tramos compartidos co Camiño de Santiago durante varios quilómetros.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).