Piden solucións á invasión dos coches en beirarrúas de Fisterra

A veciñanza do Edificio Rosalía de Castro, sito na Rúa Cabello de Fisterra queren denunciar a invasión dos coches na súa beirarría. Resulta que a zona tiña unhas xardineiras que tiveron que ser retiradas porque estaban descoidadas e filtraban auga cara os garaxes. No seu lugar, planeouse a instalación de bancos, pero nunca chegaron, polo que dende ese momento a beirarrúa volveu converterse en zona libre para os coches que a usan como aparcamento.

Os vehículos aparcan literalmente pegados á fachada, invadindo a privacidade dos veciños, xerando ruído e contaminación, e poñendo en perigo aos peóns e aos nenos da comunidade.

Un asunto que se agrava exponencialmente no verán, como recoñece un dos veciños que leva meses pelexando co Concello para conseguir solucións. Aseguran ter proposto a instalación de bolardos, e agardan que o Concello tome medidas canto antes.