O Semáforo estrea a súa nova modernización dixital
O Hotel ‘O Semáforo de Fisterra’ vén de rematar con éxito o proxecto de modernización dixital financiado a través do programa “Última Milla” do Ministerio de Industria e Turismo, con fondos europeos Next Generation EU. O establecemento foi beneficiario dunha axuda de 45.625€, destinada a impulsar o seu proceso de dixitalización.
Grazas a este investimento, o hotel implantou HostTurisTech, unha solución integral implementada por Dos Espacios Internet Consulting, S. L. deseñada para modernizar a xestión hostaleira e mellorar a experiencia dos hóspedes. O sistema permite unha recepción e estancia 100 % autónomas —desde o check-in e apertura de portas ata o pago móbil, o escaneo de DNI ou a firma electrónica— e intégrase coas principais plataformas de xestión (PMS) e cos sistemas oficiais de rexistro de hóspedes.
A ferramenta inclúe servizos adicionais como a xestión dixital de obxectos perdidos, a notificación de incidencias en tempo real e a descarga de guías de viaxe personalizadas, o que garante unha atención máis áxil e adaptada a cada cliente. Ademais, automatiza procesos internos e reduce o uso de papel, enerxía e plásticos, contribuíndo á sustentabilidade e á eficiencia do hotel.
Con esta dixitalización, o mascarón de proa de toda a comarca busca afianzarse como referente en innovación tecnolóxica dentro do sector turístico.