Aboados ao sur
O colectivo arbitral costeiro semella ter collido a provincia de Pontevedra (e en particular a zona das Rías Baixas) como destino predilecto para esta temporada 2018/2019.
Pablo Rama dirixirá este domingo, en xornada matutina, (12.00 horas, Lampáns, O Grove) o partido da Preferente Sur que enfronta a Amanecer e Cambados. Estará asistido por dous colexiados da Delegación de Santiago, Julio Martínez e Arturo Díaz.
Cabe lembrar que neste mesmo termo municipal tamén dirixiron encontros esta temporada Rubén Reborido (Amanecer-Ponteareas, 21 de outubro), Marcos Ordóñez (O Grove-Vilalonga, 13 de xaneiro) e o propio Pablo Rama (O Grove-Areas, 27 de outubro).
O outro colexiado costeiro con destino sur será Rubén Reborido, que dirixirá (domingo, 17.00 horas, Municipal da Estrada) o duelo da Preferente entre Estradense e Velle. Estará auxiliado nas bandas polos irmáns Adrián e Sebastián Pérez Rellán, tamén da Subdelegación da Costa da Morte.
Tamén haberá trío costeiro no Municipal de Vimianzo o domingo á tarde (17.30 horas) para o Soneira-Lalín. Será o equipo composto por David Vázquez, Juan Marcos Ríos e Lucas Vicente.
Bruno Méndez, o colexiado costeiro de Terceira División, dirixirá o sábado (A Grela, 16.00 horas) o encontro da División de Honra Xuvenil entre Ural e Racing de Ferrol, auxiliado nas bandas por dous colexiados coruñeses, Pedro Oreiro e Iván Miño.
Un fisterrán para o derbi malpicán
Na Liga da Costa, un dos encontros máis atractivos da fin de semana será o sempre intenso derbi malpicán que enfrontará en Pedra Queimada (domingo, 16.00 horas) a Malpica e Cerqueda. O derbi terá colexiado fisterrán, David Castreje, e enfronta a dous equipos situados nunha cómoda zona media (oitavo e sétimo) e separados por só un punto.
O líder, Corme, visita ao terceiro equipo malpicán, o Buño (domingo, 17.00 horas, Óscar Rey), situado nunha posición máis comprometida, en tanto o Mazaricos buscará meter presión e colocarse como líder provisional, pois adianta ao sábado (Peña do Ouro, 16.15 horas, David Vázquez) o seu partido fronte ao Lira, penúltimo clasificado.
Na Terceira, o Coristanco pode deixar o título visto para sentenza se é quen de gañar (A Rocheira, domingo, 17.00 horas, Manuel Espasandín) ao Cabana, que comparece na casa do líder como segundo clasificado, pero xa a oito puntos do seu rival. E con un ollo posto neste campo estarán tamén os outros dous principais aspirantes ao ascenso directo, Castriz e Porteño, que á mesma hora se enfrontan entre si baixo a dirección de Marcos Ordóñez. O Castriz podería rebasar ao Cabana no segundo posto, en función dos resultados, en tanto o Porteño, de gañar, podería quedar a só un punto dese ansiado posto.
E duelos por todo o alto tamén no fútbol veterano
Ao igual que na Terceira da Costa, a División de Honra do fútbol veterano costeiro vivirá esta matinal de domingo dous duelos por todo o alto da clasificación e que decidirán moito na pelexa polo título.
O duelo máis directo enfrontará ao actual campión (San Román, terceiro clasificado, xa a só dous puntos da cabeza despois dun comezo titubeante) e o líder da clasificación, o Soneira. O encontro será ás 12.00 horas no Municipal da Laracha e estará dirixido por Javier Mella. O segundo clasificado, San Lorenzo, recibe nas Pedreiras (10.30 horas, David Castreje) ao quinto (e vixente campión de Copa), o Porteño.
E no fútbol base, as cousas aprétanse para encarar o tramo final
A competición xuvenil, que parecía sentenciada polo Corme e se atopa agora con sete equipos en apenas catro puntos, encara agora unha nova etapa. Esta xornada, o líder, Corme, recibe ao Outes (O Cairo, sábado, 16.00 horas, Daniel Martínez), mentres que o “novo” colíder, Cabana, visita ao Xallas (San Pedro de Castriz, sábado, 16.30 horas, Manuel Espasandín).
Na competición cadete o campo de San Andrés acollerá o encontro máis atractivo da xornada, o que enfrontará ao líder, Concello de Zas, co cuarto clasificado, Sofán (domingo, 12.15 horas, Rai Reborido).
E na categoría infantil, o duelo estrela entre o líder (Cee) e o Sofán (cuarto clasificado) posponse ao mércores, polo que o Dumbría podería ficar no alto da táboa durante uns días se é quen de puntuar na súa visita ao Municipal de Cunchido para enfrontarse ao Outes.
----
Como cada semana, todas as designacións arbitrais da RFGF, categoría a categoría, en www.futgal.es.
E todos os horarios, os resultados e clasificacións actualizados e o carrusel dominical en directo en www.futboldacosta.com.